A Xunta pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un fondo de 7,6 millóns de euros para financiar obras de rehabilitación e conservación de edificacións
A Xunta de Galicia pon á disposición dos concellos preto de 7,6 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes para financiar sen xuros obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se realiza a convocatoria para 2018.
O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes permite financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como no seu caso a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
O obxectivo deste Fondo é facilitar que os concellos acometan actuacións de posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de permitir a súa recuperación e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. En definitiva, mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.
A través deste Fondo de cooperación a Consellería de Infraestruturas e Vivenda concederá préstamos sen xuro aos concellos para realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións. Os concellos interesados en solicitar financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar a sinatura dun acordo de adhesión a dito Fondo no que constarán as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer e demais condicións para o acceso ao fondo.
Na convocatoria de 2017 o Goberno galego concedeu axudas por importe de 2,4 millóns de euros para a rehabilitación de diversas construcións os concellos ourensáns de Parada de Sil, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Xunqueira de Ambía e ao concello coruñés de Boiro.
O prazo de presentación de solicitudes por parte dos concellos comezará mañá e rematará o 1 de outubro de 2018 ou no momento que se esgote o crédito orzamentario.











