A Xunta mellora a asistencia xurídica gratuíta incrementando as retribucións e o impulso dos medios telemáticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicou hoxe nunha comisión parlamentaria que a Xunta leva anos traballando en mellorar a asistencia xurídica gratuíta a través de diversas medidas, como o incremento das cantidades que perciben avogados e procuradores, a inclusión de novos conceptos, ou o impulso dos medios telemáticos.

En concreto, a Xunta ten aumentado en máis dun 8% os baremos polo que se fixan as cantidades que percibe cada avogado que presta asistencia gratuíta, así como tamén se teñen incrementado na mesma medida as cantidades que perciben anualmente os colexios de avogados polos servizos de orientación xurídica. No dos procuradores, o incremento do baremos oscila entre o 8 e o 15%. A isto hai que engadir que se incluíron novos conceptos retributivos en ambos casos.

Ademais, e co fin de mellorar o servizo que se presta á cidadanía, desde 2009 acometéronse melloras para a modernización do sistema a través das novas tecnoloxías, entre as que destaca a xestión telemática das certificacións trimestrais para axilizar o seu pago; a notificación telemática das resolucións; ou un máis fácil acceso ao expediente administrativo de xustiza gratuíta para os colexios profesionais.

Recentemente, o pasado mes xaneiro, aprobouse tamén unha reforma do regulamento da asistencia xurídica gratuíta, co obxectivo de adaptala ás últimas reformas lexislativas. Esta modificación centrouse en afondar no tratamento electrónico das certificacións e da presentación de solicitudes; en simplificar o trámite da revogación das resolucións denegatorias; e en incluír como beneficiarios da asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de terrorismo, trata, menores e persoas con discapacidade vítimas de abuso ou maltrato

Novo edificio xudicial da Parda

Por outra parte, o director xeral de Xustiza tamén respondeu a unha pregunta sobre o novo edificio xudicial de Pontevedra. Durante a súa intervención, explicou que este edificio remediará a actual dispersión actual dos edificios xudiciais e, ademais, permitirá dispoñer de espazo suficiente para atender as necesidades que poidan xurdir nos vindeiros 15 ou 20 anos.

O orzamento previsto é de máis de 17 millóns de euros e a superficie total construída será de 21.000 metros cadrados. Ademais, o novo edificio estará comunicado co actual edificio xudicial, de xeito que formarán un único complexo.

23 de marzo de 2018 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.