A Xunta licita os contratos para distribuír 33.000 prendas reflectantes, impartir 16 cursos de condución segura de motos e levar a campaña ‘O corazón está do teu lado’ a 7.200 escolares
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación dos contratos para distribuír 33.000 prendas reflectantes, impartir 16 cursos de condución segura de motos e levar unha campaña de concienciación aos colexios, cun investimento de case 400.000 euros.
Trátase de tres campañas de sensibilización en seguridade viaria dirixidas aos colectivos máis vulnerables das estradas.
O primeiro contrato contempla a adquisición de 30.000 novos chalecos reflectantes e 3.000 cortaventos para ciclistas por importe de máis de 140.000 euros.
Esta iniciativa dá continuidade á distribución destas prendas que se vén facendo entre 2016 e 2017, froito da colaboración entre a Xunta e a Federación galega de ciclismo e a DXT, que permitiu a entrega de 4.600 chalecos e cortaventos reflectantes.
O segundo contrato recolle o servizo para impartir 16 novos cursos de condución segura de motocicletas durante este ano e o próximo, cun investimento de máis de 125.000 euros.
Estes cursos van dirixidos a un colectivo vulnerable nas estradas, os motoristas, que durante o pasado ano xa tivo acceso a este tipo de actividades formativas impartidas por técnicos da Escola Nacional de Condución de Motocicletas. A través destes cursos gratuítos, que se celebraron nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, 160 persoas puideron mellorar a súa técnica de condución de moto e reforzar a súa seguridade viaria.
Con este novo contrato, a Xunta pretende seguir impulsando esta actividade de sensibilización que incide nunha maior seguridade e contribúe a reducir o risco de accidentes do colectivo de motoristas.
O terceiro contrato que hoxe se licita consiste no servizo para seguir promovendo a cultura da seguridade viaria entre os nenos, coa activación dunha nova campaña de “O corazón está do teu lado”, moito máis ambiciosa, para chegar a 40 colexios e 7.200 escolares do rural, con 2.400 unidades didácticas e 7.200 dispositivos luminosos.
As empresas interesadas na realización destas tres actuacións poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de marzo, no que se refire aos cursos de condución de motos e á distribución de prendas reflectantes; e ata o 6 de abril, en relación á campaña nas escolas. No seguinte enlace ao DOG, máis información: https://goo.gl/cetg5E
Sumar esforzos
O Goberno galego está destinando inxentes recursos ao desenvolvemento de actuacións destinadas a reforzar a seguridade viaria e a mellorar a conservación das estradas autonómicas. Por iso, en 2018 se incrementan un 48 % os orzamentos destinados a este fin, dedicando máis de 80 M€ a medidas que inciden directamente na seguridade viaria.
Non obstante, ningún plan da Administración será efectivo se non vai acompañado desa responsabilidade e desa prudencia que todos debemos poñer en práctica cada día como usuarios das estradas.











