publicidade hoxe

A Xunta licita a mellora de dous tramos da LU-133 nos concellos de Barreiros e Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará mañá, mércores 7 de marzo, as obras de reforzo do firme en dous tramos da estrada autonómica LU-133 (Reme-Vilamar) ao seu paso polos termos municipais de Barreiros e Ribadeo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes das localidades, concelleiros e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), explicou os pormenores dun proxecto para o que a administración autonómica reserva preto dun millón de euros.

Balseiro dixo que a obra ten por obxecto a mellora da seguridade viaria e as condicións de circulación do tráfico rodado nun total de 11,5 quilómetros, distribuídos en dous treitos de actuación:

• O PK 6+640 (glorieta de intersección coa LU-P-6103 a Trabada) a 14+300 (na entrada de San Vicente)
• E o PK 17+350 (intersección coa LU-P-5207 a Ribadeo) a 21+240 (final da estrada, na intersección coa N-640)

Nova capa de rodaxe e mellora da sinalización e seguridade

Entre as actuacións previstas, a Xunta procederá a reparar o pavimento deteriorado, regularizando o firme a base de mixtura asfáltica en quente (aglomerado) e aplicando posteriormente unha nova capa de rodaxe formada por formigón asfáltico en todo o treito e en todo o ancho da plataforma.

O proxecto inclúe tamén a reposición da sinalización horizontal e a colocación de novos elementos de seguridade: os reflectantes coñecidos como ollos de gato. A Xunta prevé tamén a substitución de barreiras existentes onde se observe o seu mal estado de conservación e a instalación de novos treitos de barreiras, en distintos puntos.

O prazo de execución destes traballos será de catro meses, tras a adxudicación dunha obra que prevé beneficiar a 12.910 habitantes, veciñanza e usuarios desta vía que vertebra os municipios da Mariña oriental.

Balseiro explicou tamén que a obra permitirá completar unha actuación impulsada pola Xunta fai dous anos, en concreto, no tramo desta estrada desde o seu inicio ata o punto quilométricos 6,6 que daquela supuxo un investimento de 480.000 euros para a súa rehabilitación, con cargo a recursos autonómicos.

6 de marzo de 2018 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.