publicidade hoxe

A Xunta incorporou á nova agrupación do Saviñao ao Rexistro de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoO SaviñaoPortada dereita
A-
A+

A Xunta incorporou ao concello do Saviñao ao Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, despois de que o concello comunicara a súa decisión de constituír unha agrupación de voluntarios.

A agrupación do Saviñao nace con 17 voluntarios, e con esta nova incorporación son xa 42 as agrupacións e máis de 2.100 o número de voluntarios rexistrados que forman a rede de Protección Civil na provincia de Lugo. Durante o pasado ano creáronse as de Cervantes, Trabada e Negueira de Muñíz.

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que depende da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, xa ten previstas dúas accións formativas na localidade para que a agrupación adquira os coñecementos necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

Así, o día 12 de abril comezará no municipio un Curso básico de Protección Civil, e o 18 de maio outro sobre Prevención e loita contra incendios urbanos e forestais. Igualmente, no segundo semestre do ano está previsto impartir unha acción formativa sobre Accidentes en estrada. Estas actividades son coordinadas polo Servizo de Emerxencias da Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou que a Xunta impulsa as agrupacións de Protección Civil facilitándolles formación e medios materiais para o correcto desempeño do seu labor, “dado que prestan unha inestimable colaboración como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención aínda que en moitas ocasións tamén son as primeiras en chegar e dar auxilio”, afirmou.

Once cursos na provincia

Neste momento están previstos once cursos na provincia no primeiro semestre do ano, abertos a todos os voluntarios interesados. Ademais do Saviñao, localidade elixida para dar facilitades de acceso aos integrantes da nova agrupación, terán lugar en Negueira de Muñíz, Chantada, Viveiro, Mondoñedo e Vilalba.

En Negueira de Muñíz, que tamén dispón dunha agrupación de recente creación, dará inicio o día 16 de abril o curso sobre incendios urbanos e forestais, e o 31 de maio un curso básico de Protección Civil. En Chantada organizarase a partir do 2 de maio o de incendios e do 31 do mesmo mes un sobre accidentes en estrada. Viveiro albergará dende o 12 de abril o de accidentes en estrada e dende o 11 de xuño o de incendios.

Por último, a AGASP ten previsto impartir tamén no primeiro semestre cursos sobre manexo de Desfibriladores Semiautomáticos Externos (DESA) en Mondoñedo, Vilalba e Chantada.

20 de marzo de 2018 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.