A Xunta desenvolve un plan de melloras da rede de centros de menores cun investimento de 3,6 millóns de euros

José Manuel Rey Varela na comparecencia parlamentaria
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu conta hoxe en sede parlamentaria do plan de actuacións que se está a levar a cabo para continuar coa mellora da rede de centros de protección de menores sustentados con fondos públicos, facendo especial fincapé naqueles que son de titularidade e xestión autonómica. Rey Varela enmarcou este programa no “compromiso da Xunta co benestar dos nenos, nenas e adolescentes que precisan do amparo da administración e que merecen un presente mellor e un futuro de oportunidades”.
Na súa intervención, o conselleiro detallou que se levan investidos nos últimos anos máis de 2 millóns de euros en diferentes obras de renovación dos catro centros de menores de titularidade e xestión pública, e se ten previsto destinar outro millón máis coa finalidade de seguir completando a adecuación dos mesmos. Asemade, apuntou que a esta cifra hai que engadir 625.000 euros correspondentes á liña de axudas para o financiamento de obras de mellora e adquisición de equipamentos nos centros xestionados a través de entidades de iniciativa social, da que se beneficiaron 45 dos 69 recursos deste tipo que existen na comunidade. En total, máis de 3,6 millóns de euros dirixidos a renovar estes recursos de atención a nenos, nenas e adolescentes que están baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.
O titular de Política Social destacou as principais intervencións realizadas ao abeiro deste programa de melloras que permitiu a remodelación case completa dos centros de menores San José de Calasanz na Coruña e Ferrol I. No primeiro xa se executaron traballos que consistiron, basicamente, no acondicionamento das habitacións e baños; a renovación da redes de servizos básicos de subministro de auga, do sistema de calefacción, gas e electricidade; o pintado do centro e a substitución da carpintería e cristalería exterior; habilitar unha zona de ocio e recreo exterior e o acondicionamento da sala de xogos; e a adquisición de novo mobiliario, electrodomésticos e material didáctico. A Consellería ten previsto acometer tamén a renovación do tellado, de tal xeito que o centro San José de Calasanz quedaría totalmente reformado.
Pola súa parte, no centro de menores Ferrol I acometeuse o acondicionamento da planta baixa; diversas reparacións en baños, habitacións, tellado e chans; o cambio de carpinterías exteriores; a instalación dunha nova caldeira; a renovación do mobiliario das habitacións; a adquisición de novo equipamento; e a mellora da seguridade e estética do centro. Ademais destas actuacións, neste centro tamén se procederá á mellora do ximnasio e a completar o mobiliario da instalación,
No centro lucense de Santo Anxo da Garda, a Consellería executou obras de mellora deste equipamento -coa renovación das habitacións, a instalación dun ximnasio completo ou o pintado, reparación de cerramentos e arranxo de fiestras- así como como á construción dun rocódromo co obxecto de ampliar as posibilidades de actividades deportivas que teñen os menores, e a creación dun invernadoiro para desenvolver as capacidades dos menores tanto desde o punto de vista educativo como laboral. Política Social ten proxectada neste recurso de protección outra listaxe de actuacións centradas nos espazos comúns co fin de gañar en funcionalidade e na instalación dunha nova caldeira de biomasa.
Por último, nos centros da Carballeira, en Ourense, e no de Pontevedra, realizáronse traballos de mellora do confort climático e illamento térmico, así como de mellora da funcionalidade e da estética; ao tempo que se adquiriu novo mobiliario e completouse o equipamento de ambos centros. Ademais, no centro da Carballeira está prevista a renovación do servizo de lavandaría e o cambio de portas e carpinterías, entre outras tarefas. Mentres que as próximas actuacións no centro de Pontevedra consistirán en dotalo dun ximnasio e continuar coa renovación da albanelería, entre outras intervencións.
Rey Varela rematou a súa intervención destacando o incremento do orzamento da área de Familia e Infancia en máis dun 50% nas últimas tres anualidades, coincidindo coa creación da Consellería de Política Social, ata alcanzar en 2018 os 133 millóns de euros. Ao respecto, apuntou que esta maior marxe orzamentaria permite que a partida económica específica para centros de protección de menores teña medrado un 20%; ao tempo que anunciou unha nova convocatoria da orde de axudas para a mellora dos centros de menores concertados.
Sistema de pensións
O conselleiro de Política Social tamén interveu no Parlamento para abordar o sistema nacional de pensións, sobre o que sinalou que segundo o informe sobre pensións da seguridade social publicado o pasado mes de xaneiro en Galicia o importe medio das pensións de xubilación medraron un 2% no último ano, ao tempo que apuntou que o importe medio das mesmas na nosa comunidade é de 892,2 euros.
Ademais, lembrou que Galicia é unha das poucas autonomías que mantén a axuda económica ás pensións non contributivas, que chega ao redor de 40.000 persoas maiores.
Por último, Rey Varela considerou que a clave para que o sistema de pensións sexa sostible, equitativo e solidario pasa pola creación de emprego. Nesta liña, sinalou que Galicia conta hoxe con case 25.000 afiliacións máis que fai un ano, cun crecemento superior aos 2,5%; e asemade informou de que a comunidade pechou o exercicio de 2017 con 72.000 afiliados máis que fai 4 anos. E, ao fío, o titular das políticas sociais do Goberno galego amosou o seu desexo de que “se acade o consenso necesario no Pacto de Toledo porque ese consenso repercutirá de xeito directo en melloras para os nosos maiores, no marco, iso si, dun sistema que sexa sustentable”.











