A Xunta convoca as axudas do Programa Rehaluga para a rehabilitación de vivendas con fin de alugueiro social
A Xunta convoca as axudas do Programa Rehaluga para a rehabilitación de vivendas que se destinen a alugueiro social. Os propietarios de inmobles incluídos no Programa de Vivendas Baleiras creado pola Xunta poderán beneficiarse de axudas para a realización de obras de conservación, mantemento e rehabilitación das mesmas.
O importe máximo das axudas a fondo perdido que ofrece o Goberno galego serán de 4.000 euros cando sexan edificios de vivendas e de ata 5.500 euros ao tratarse de vivendas unifamiliares, tal como establece a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que regula as bases polas que se rexen estas axudas e a convocatoria para 2018. O obxectivo do Plan Rehaluga é axudar aos propietarios de inmobles desocupados para dotalos das condicións de habitabilidade necesarias para destinalos a alugueiro social. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/tQTESi
Das axudas do plan Rehaluga poderán beneficiarse as persoas, físicas ou xurídicas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e que promovan as actuacións subvencionables.
As actuacións deberán realizarse despois da data de solicitude de inscrición no mesmo e antes de solicitar a subvención, sendo necesario un informe municipal que acredite a necesidade das obras para as que se pide a subvención.
Serán subvencionables actuacións de conservación e mantemento; e obras de rehabilitación necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda, así como para o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.
Como exemplo de actuacións subvencionables están accións como o arranxo de baños, o pintado de paredes, o cambio de portas, a reforma da carpintería, a mellora de instalacións ou a renovación de ventás.
En 2018, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará 130.000 euros a estas axudas, dos que 100.000 estarán destinados a vivendas propiedade de particulares e os outros 30.000 euros a vivendas propiedade de persoas xurídicas. O importe da convocatoria poderá ampliarse no caso de ser necesario.
Como se indica na Orde, poderán optar a estas axudas os propietarios de inmobles desocupados situados en algún dos 54 concellos adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de novembro de 2018.











