A Xunta aumenta este ano nun 40% o presuposto para mellorar a comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros
A Xunta investirá este ano preto de nove millóns de euros en accións dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros galegos, un 40% máis que o ano pasado. Así o explicou hoxe no Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha comparecencia para dar conta da evolución da comercialización dos produtos do mar de Galicia e das propostas de futuro para a súa mellora.
Alí a titular de Mar trasladou que para mellorar este eido é preciso dar corpo normativo aos avances e cambios que se van producindo en materia de comercialización. Por iso, unha vez feito o traballo da man do sector e tras adecualo á normativa estatal, adiantou que xa se dispón de todo o material para que tome forma definitiva a modo de decreto.
Neste sentido trasladou as apostas da Xunta no eido comercializador de cara a reeditar e mellorar, se cabe, as cifras dos últimos anos e que se resumen en catro apostas principais que buscan aportar maior valor engadido aos produtos do mar. A primeira delas é a de dispoñer de máis e mellor materia prima, sempre baixo a premisa da sustentabilidade e co fundamento de que prevaleza a calidade sobre a cantidade. Nesta liña, explicou que isto se fará mellorando o abastecemento interior a través da consecución de máis cotas, en base a acordos con terceiros países e tamén seguindo coa mellora das zonas de marisqueo. Tamén a través da adecuación da oferta á demanda dos mercados para manter os prezos á alza.
A segunda das apostas, sinalou a conselleira, pasa por manter e aumentar a calidade dos produtos. Por iso, trasladou a necesidade de seguir traballando na mellora da competitividade, unha acción, lembrou a conselleira, na que se investirán 96 millóns de euros ata 2020 para axudar ás pequenas e medianas empresas de transformación de produtos pesqueiros e da acuicultura e dos que este ano se puxeron 12 a disposición do sector. Tamén salientou a importancia da competencia, apostando por introducir un maior número de poxadores nas rulas e pola súa dixitalización. A maiores, fixo referencia a mellorar o acceso aos mercados, atendendo novas canles de comercialización como por exemplo a vía on-line.
A terceira das liñas ten que ver coa internacionalización. Neste aspecto Rosa Quintana trasladou a necesidade de “ampliar mercados baixo a premisa de axudar á industria a facer contactos comerciais e a expandir a súa actividade alén das nosas fronteiras”. Por iso, destacou que Galicia debe seguir participando de forma activa nas feiras e eventos nacionais e internacionais e que se deben seguir desenvolvendo estratexias e ferramentas que permitan crear sinerxías e afrontar os mercados en condicións de solvencia.
O cuarto eixe exposto por Rosa Quintana ten que ver coa identificación e a diferenciación. Neste aspecto apostou por seguir traballando para que os consumidores diferencien ben o produto galego e “elixan o noso por riba doutros produtos do mar”. Para lograr iso, dixo, temos que fomentar o consumo e identificar ben a súa orixe. Neste último caso, adiantou que proximamente se iniciará a dixitalización das lonxas e que se ampliará a rede de caixeiros TICPESC, que contribuirán positivamente a este aspecto. Ademais, no eido da identificación, incidiu na importancia de seguir empregando as etiquetas coas denominacións de orixe protexidas, coma no caso do mexillón, as da produción ecolóxica ou as da marca de calidade diferenciada pescadeRías. Tamén, de cara a identificar os produtos do mar nos padais, Rosa Quintana propuxo desenvolver xornadas formativas “para que profesionais e expertos poidan contribuír a identificar e valorar as diferentes e superiores condicións organolépticas dos nosos produtos do mar”
Sector estratéxico en Galicia
A conselleira aproveitou para facer balance da importancia que ten o mar para Galicia e do que ten feito a Xunta desde 2009 polo sector. Así, puxo de relevo que “temos cifras positivas en todos os ámbitos e no 2018 o noso cometido ten que ver con manter o rumbo”. Recordou que desde 2009 se logrou un incremento das cotas nun 80%, que permitiu que o sector dispuxese de 80.000 toneladas máis de cota, cun valor potencial de máis de 210 millóns de euros. En relación á frota pesqueira, explicou que desde 2009 se conseguiu frear a caída que se viña producindo desde 2005 e que se contribuíu a reducir á metade o número de buques que causaron baixa.
Na área do emprego no mar, a conselleira do Mar puxo de relevo que desde 2009 “conseguimos ir freando progresivamente a caída e comezamos a medrar paseniño pero en positivo”. Nesta liña lembrou que os datos de afiliacións á Seguridade Social do Réxime Especial do Mar mantéñense estables desde 2015 e incluso medraron nun 1% desde 2016.
Ao respecto das descargas de peixe e marisco fresco, sinalou que no ano 2017 a venda en lonxa acadou máis de 500 millóns de euros de facturación e máis de 212.000 toneladas descargadas, “o mellor ano desde que existen rexistros que marca un feito histórico”, dixo Rosa Quintana. No tocante ao sector da industria e da comercialización de produtos do mar, a conselleira lembrou que o 45% do sector empresarial está en Galicia, é dicir hai máis de 200 empresas en Galicia dedicadas a esta actividade, que aportan máis do 60% do valor económico global –máis de 6.100 millóns de euros- e case o 60% do emprego –máis de 13.200 postos de traballo-.











