A Xunta apoiará a inserción laboral de 300 traballadores do téxtil de Ordes co proxecto Galitex
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza cos principais axentes sociais do sector téxtil -sindicatos, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega)- para darlles a coñecer o proxecto Galitex de apoio a 300 traballadores e traballadoras do téxtil de Ordes para a súa inserción no mercado de traballo.
A iniciativa da Xunta vén de ser aprobada pola Unión Europea, que cofinanciará a actuación a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG). En global, investiranse 1.200.000 millóns de euros dos cales a Comisión Europea contribuirá co 60% e a Xunta achegará o 40% restante.
A Comisión de Presupostos do Parlamento europeo acaba de dar o seu apoio á medida dirixida ás persoas que quedaron sen emprego e que traballaban en cinco empresas da provincia da Coruña, en especial, da localidade de Ordes: Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creaciones, Viriato e Shivshi. En concreto, o programa vai dirixido aos afectados por un Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) no período comprendido entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017.
Os 303 traballadores, dos que o 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos, poderán acceder a un plan integrado deseñado á medida dos afectados que inclúe 6 programas de actuación: acollida e diagnóstico inicial; medidas de sensibilización; programa de orientación; formación; apoio á recolocación e seguimento personalizado; e incentivos.
Na primeira fase, de diagnose, levaranse a cabo xornadas informativas para presentar o programa. Preténdese ter unha primeira acollida cos traballadores que cumpran os requisitos, co obxectivo de efectuar unha presentación xeral do programa e informarlles das accións que se van a levar a cabo e os esforzos e recursos postos en marcha para axudarlles no seu proceso de reinserción laboral para a súa mellora da empregabilidade.
Para isto, está previsto nas próximas semanas a celebración de dúas xornadas de difusión nas dúas localidades afectadas polos despedimentos: en Ordes e na Coruña.
Medidas de sensibilización
As medidas de sensibilización desenvolveranse a través de obradoiros de xestión do cambio e emprendemento e de información sobre certificados de profesonalidade, entre outras iniciativas. Así mesmo, os participantes en Galitex recibirán orientación laboral e formación en competencias básicas para a activación laboral, así como formación transversal. A través de Galitex levaranse tamén a cabo labores de apoio á colocación e un seguimento personalizado e o programa contará con incentivos para promover a participación activa no mesmo. Serán axudas para o desprazamento e a conciliación laboral. Tamén inclúense apoios para a contratación por conta allea, a realización de prácticas laborais e o emprendemento.
En definitiva, Galitex ofrecerá aos traballadores apoio para a creación de empresas, axuda para a busca de emprego, orientación e asesoramento profesional individualizado, así como varios programas de formación. O obxectivo último da actuación, en palabras de Toca, é “tratar de garantir a inserción no mercado de traballo do maior número de persoas posibles”.
A secretaria xeral salientou tamén na xuntanza outros mecanismos cos que conta a Xunta para mellorar a ocupabilidade das persoas sen emprego, ao tempo que sinalou o compromiso do Goberno galego co sector téxtil e coa creación de emprego e a actividade económica na comarca de Ordes.