A Xunta aclara os trámites que están incluídos nos servizos mínimos da folga na Administración de Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda durante a comisión. Foto: X. Crespo

Alfonso Rueda durante a comisión. Foto: X. Crespo

A Xunta de Galicia aclara nunha instrución os trámites que están incluídos dentro dos servizos mínimos fixados debido á folga na Administración de Xustiza. A medida ten como obxectivo garantir que os cidadáns poidan facer as xestións que están amparadas polo decreto actual pero que non se están tramitando.

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, informou desta medida no seo da Comisión mixta entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), á que asistiu o presidente do órgano xudicial, Miguel Ángel Cadenas.

Rueda destacou a necesidade de que os dereitos dos cidadáns non se vexan prexudicados polo incumprimento do decreto de servizos mínimos e recalcou que ese prexuízo non está amparado polo dereito de folga.

A instrución recolle principalmente aqueles trámites que se realizan nos rexistros civís, como determinadas certificacións, inscricións, notificacións ou actuacións procesais que nalgúns casos non se estaban a xestionar con normalidade.

Seguimento

Por outra parte, o seguimento da folga convocada na Administración de Xustiza foi hoxe dun 36,99%. Foron á folga 1.015 persoas. Por provincias, o seguimento da folga na Coruña foi do 35,05%; en Lugo, do 24,92%; en Ourense, do 35,29%, e en Pontevedra, do 43,76%.

No cálculo destes datos hai que ter en conta que 182 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares, ou días de libranza) e 775 participaron nos servizos mínimos, que se cumpriron na súa totalidade.

26 de marzo de 2018 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.