publicidade hoxe

A Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen dous incendios forestais en Muros e Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLousameMurosPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica informaron hoxe do esclarecemento de dous lumes forestais nos concellos coruñeses de Muros e Lousame. No primeiro deles, os Policías do Grupo de Incendios da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, procederon á investigación dunha persoa como presunto autor dun incendio forestal ocorrido o derradeiro 26 de febreiro na parroquia de Vilacoba, concello de Lousame, e que afectou a unha superficie aproximada dunhas 0,38 ha, das cales 0,25 foron de raso e 0,13 de arborado. O lume iniciouse por unha queima de restos agrícolas amoreados levada a cabo polo investigado, pero non se tiveron en conta todas as medidas de seguridade establecidas na lei.

Os axentes contaron coa colaboración, tanto na extinción do lume como na investigación do mesmo, do persoal dos Distritos Forestais IV (Barbanza) e V (Fisterra). Polos feitos instruíronse Dilixencias remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de garda de Noia (A Coruña).

No segundo dos incendios, os mesmos axentes esclareceron o incendio forestal rexistrado o pasado día 26 de febreiro na parroquia de Abelleira, Concello de Muros, identificando ao responsable. O lume afectou a unha superficie aproximada dunhas 0,25 ha, das cales 0,02 de raso e 0,23 de arborado. O lume iniciouse despois da realización dunha queima de restos agrícolas e forestais procedentes dunha tala, para os que non tiña autorización da Consellería do Medio Rural. Contouse coa colaboración, tanto na extinción do lume como na investigación do mesmo, do persoal dos Distritos Forestais IV (Barbanza) e V (Fisterra). As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Muros.

No que vai de ano son 7 as persoas detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

6 de marzo de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.