A Agadic incrementa a 460.000 euros a dotación das axudas a festivais profesionais de artes escénicas e de música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta convoca hoxe dúas liñas de axudas para festivais de artes escénicas e de música tanto profesionais como de carácter afeccionado. O obxecto destas liñas de apoio -que pon en marcha a Consellería de Cultura a través da Agadic e da secretaría xeral de Cultura- é contribuír á consolidación do mapa galego de festivais, e a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos; así como a promocionar a difusión sociocultural por toda Galicia a través de distintos festivais, feiras, mostras, ciclos e certames.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional cunha dotación de 460.000 euros. Esta cifra, que supón un incremento do 18% (70.000 euros) respecto ao ano pasado, distribuirase en 280.000 para os eventos musicais e 180.000 para os de escena. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Cultura convoca tamén hoxe as subvencións destinadas a organizacións sen ánimo de lucro e concellos ou agrupacións de concellos para os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado cuxa contía ascende a 50.000 euros.

A través desta axudas, que poden solicitarse ata o 30 de abril, a Xunta de Galicia contribúe á consolidación dun mapa galego de festivais, ademais a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.

Axudas para festivais profesionais

Segundo as bases que poden consultarse no web do Diario Oficial de Galicia: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG1097-160318-0004_gl.html, son obxecto desta convocatoria os festivais profesionais celebrados entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, organizados por entidades privadas ou por administracións locais, cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos.

Establécese, así mesmo, que o 40% do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20% da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.

Tamén é requisito indispensable que polo menos un 50% dos concertos ou representacións escénicas do programa sexa con entrada de pago, agás no caso dos festivais de artes escénicas de rúa.

Este texto fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

Festivais de carácter afeccionado

A orde de axudas, convocada pola Secretaría Xeral de Cultura, segundo as bases que poden consultarse en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180328/AnuncioG0164-190318-0001_gl.html ten por obxecto as actividades destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia. Quedan especificamente excluídas as programacións culturais de carácter xeral, os cursos e actividades de formación e divulgación, os proxectos académicos, gremiais ou conmemorativos, os premios e as galas, as actividades internas das entidades e as lúdico-deportivas, as festas patronais, as feiras sectoriais e as actividades de promoción turística.

A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros, que ascende ata os 7.500 euros no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais. En ningún caso poderán exceder o 70% do orzamento total do proxecto a realizar.

Poden solicitar as axudas as organizacións sen fin de lucro que teñan como obxecto social a dinamización da cultura galega, con representación en Galicia e que realicen nesta comunidade a maior parte das súas actividades. A presentación de solicitudes pode realizarse de xeito individual ou agrupadas baixo calquera fórmula, sempre que acrediten a realización conxunta do evento para o que se pide a axuda.

Concorrencia competitiva

As subvencións serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión da que formarán parte expertos independentes.

Para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.

28 de marzo de 2018 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.