Sanidade pon á disposición dos profesionais da saúde mental unha Guía de práctica clínica para un mellor manexo da depresión na infancia e na adolescencia

Vázquez Almuiña na presentación da guía. Foto: X. Crespo
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe a Guía de práctica clínica (GPC) sobre a depresión maior na infancia e na adolescencia, nun acto ao que asistiron profesionais do Sergas e representantes de asociacións de pacientes, entre outros. Trátase dun documento que recolle as recomendacións de profesionais do Sergas co fin de mellorar o seu coñecemento, diminuír a variabilidade na práctica clínica e acadar o maior beneficio terapéutico para os pacientes e as súas familias.
O documento, que hoxe se presentou, nace tras dous anos de intenso traballo e ven a recoller as recomendacións para o mellor manexo da depresión na infancia e na adolescencia, baseadas na evidencia científica dispoñible. Está dirixida a todos os profesionais do sistema relacionados coa saúde mental: psiquiatras, psicólogos, médicos de familia, pediatras e enfermería de saúde mental. A GPC pretende ofrecer aos profesionais sanitarios unha ferramenta útil que dea respostas ás cuestións clínicas máis relevantes relacionadas co manexo deste trastorno, en forma de recomendacións elaboradas de forma sistemática e baseada na evidencia dispoñible na actualidade. Contén ademais información de interese para os pacientes e as súas familias.
No transcurso da presentación, Almuiña mencionou as repercusións que a depresión pode ter nun momento evolutivo crítico na vida do paciente. O conselleiro afirmou que cun tratamento axeitado evitaranse as consecuencias máis directas, como o sufrimento persoal, o illamento dos amigos e o absentismo escolar, e tamén as máis graves como o suicidio ou o consumo de drogas e alcohol. Segundo o conselleiro, todas estas actuacións teñen que estar encamiñadas a que a depresión non menoscabe o futuro da xuventude.
A saúde mental no Plan de prioridades sanitarias
O titular de Sanidade remarcou a importancia de realizar unha axeitada promoción da saúde mental e de previr o padecemento dunha enfermidade mental nos rapaces, polo elevado sufrimento que produce na persoa que a padece e nos seus seres queridos. Neste senso, referiuse ao compromiso da Consellería de Sanidade para traballar na mellora na atención á saúde mental, reflectido tanto no Plan de prioridades sanitarias que identificaba a depresión como unha das áreas nas que incidir, como na actual Estratexia SERGAS 2020 que recolle a necesidade de establecer procesos de atención integral na depresión e de definir o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia.
Almuiña tivo palabras de recoñecemento para as entidades sen ánimo de lucro pola súa labor e fixo especial mención aos pacientes e as súas familias, que colaboraron de xeito activo e desinteresado na elaboración da guía. Destacou que grazas a este traballo conxunto entre profesionais e pacientes, xurdiron novas ideas para visibilizar esta enfermidade, diminuír o estigma que leva o seu padecemento e axudar á recuperación das persoas que a padecen. Así naceron proxectos como o estudo de investigación photovoice “Fotografiando a depresión na infancia e a adolescencia” ou a iniciativa de Biblioterapia en depresión. No ámbito asistencial, promoveuse a realización dun estudio para coñecer o grado de detección da depresión no ámbito da pediatría de atención primaria.
A Guía de práctica clínica sobre a depresión maior na infancia e na adolescencia, desenvolta na Consellería no marco da colaboración da Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías (RedTES), é o resultado dun gran esforzo realizado por un grupo de profesionais sanitarios galegos pertencentes a distintas especialidades, representantes de varias sociedades científicas e asociación de pacientes implicadas neste trastorno, coordinados por Avalia-t e o Servizo de Saúde Mental do Sergas. Xunto a eles, tamén colaboraron activamente un grupo de adolescentes con depresión e as súas familias. A guía está dispoñible na web de Avalia-t (https://avalialt.sergas.gal) e no portal GuíaSalud (http://portal.guiasalud.es).











