O presidente Feijóo erixe Galicia como un fogar alleo ás incertezas e idóneo para nacer, vivir e progresar

O presidente galego na visita á escola infantil do Castiñeiriño. Foto: X. Crespo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, erixiu hoxe a nosa Comunidade como un fogar alleo ás incertezas e idóneo para nacer, vivir, traballar e progresar durante a súa visita ás instalacións da Escola Infantil do Castiñeiriño, que nace da man da Fundación Amancio Ortega e dunha fecunda colaboración institucional.
Neste sentido, asegurou que Galicia se está a esforzar para achegar solucións á situación demográfica que padece, situación que, recordou, comparte con outras sociedades avanzadas. “A gran liña divisoria que existe na nosa época é a que separa os que se esforzan por atopar solucións daqueles outros que se deleitan en agrandar os problemas”, subliñou o titular do Goberno galego.
Ao fío disto, reivindicou o galeguismo cordial que impregna a convivencia na nosa Comunidade e que distingue a traxectoria de Carlos Casares, autor do libro de contos que dá nome á Rede de Escolas Infantís de Galicia ‘A Galiña Azul’ e na que se integrará a Escola Infantil do Castiñeiriño.
“Nesta Galiña Azul do Castiñeiriño, unha parte desa Galicia do futuro empezará a camiñar, a falar e a entenderse”, proclamou o presidente da Xunta en alusión aos 82 nenos e nenas que encherán estas instalacións.
A continuación, sinalou que a busca da estabilidade, a práctica da moderación e o esforzo por achegar certezas son factores esenciais para acadar a continuidade xeracional. Neste sentido, recordou que Galicia contará no actual curso escolar 2017-2018 cun total de 23.516 prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas de 0 a 3 anos. A esta cifra engadiranse as 82 novas prazas públicas desta gardería que entrarán a funcionar no curso que vén e que farán que Galicia continúe cunha ratio de cobertura por riba do aconsellado pola Unión Europea, pasando do 40,8% ao 41%.











