Medio Ambiente participa en Bruxelas na conferencia da Plataforma Europea en Economía Circular
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, participa desde hoxe na Segunda Conferencia Anual da Plataforma Europea de Partes Interesadas en Economía Circular no marco dunha visita a Bruxelas durante a que tamén asistirá á cerimonia do décimo aniversario do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía.
O paquete europeo de Economía Circular púxose en marcha en decembro de 2015 e máis da metade das iniciativas incluídas no Plan de Acción xa foron desenvolvidas. Dous anos despois da súa aprobación, a Comisión e o Comité Económico e Social Europeo organizan esta conferencia, que se desenvolverá hoxe e mañá en Bruxelas co obxectivo de discutir os próximos pasos, explorar novas áreas de acción e compartir os primeiros logros da Plataforma Europea de Partes Interesadas en Economía Circular.
Os asistentes terán a oportunidade de aprender sobre as experiencias dos actores clave e dos axentes implicados na transición cara a unha economía circular que sexa eficiente no uso dos recursos e baixa nos consumos de carbono. Neste sentido, Ferreira Costa exporá os principais proxectos impulsados pola Xunta de Galicia nesta materia e intercambiará experiencias cos actores clave da economía circular na UE.
A conferencia servirá para discutir e compartir os diferentes puntos de vista sobre os resultados dos traballos e as súas consecuencias. Ao mesmo tempo, os asistentes tamén compartirán experiencias de boas prácticas, a través do intercambio de coñecementos e a discusión construtiva, e debaterán sobre cuestións clave da axenda da economía circular.
A xornada de hoxe, organizada pola Comisión, concentrarase nos avances realizados na implementación do Plan de Acción de Economía Circular e o segundo día da conferencia, organizado polo Comité Económico e Social Europeo, dedicarase a discutir sobre os diferentes plans para promover a difusión de boas prácticas mediante o intercambio de coñecementos e o diálogo dos axentes implicados.











