publicidade hoxe

Galicia lanza a primeira ruta de turismo de mergullo para descubrir o patrimonio subacuático

Nava Castro na presentación da nova ruta

Nava Castro na presentación da nova ruta

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe no Grove a primeira ruta europea de turismo de mergullo sustentable Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route (WAOH! Route), unha iniciativa conxunta xurdida ao abeiro do proxecto europeo Wildsea Europe no que a Comunidade galega participa xunto a Reino Unido, Irlanda e Portugal. Este pioneiro itinerario permitirá conectar lugares de mergullo de primeiro nivel establecendo sinerxías cos deportes náuticos, a enogastronomía, o turismo mariñeiro e a arqueoloxía marítima.

“É unha perfecta oportunidade na que Galicia ofrecerá a súa personalidade e singularidade como destino e tamén a experiencia na posta en marcha de produtos vinculados ao mar, que poderán enriquecer este novo itinerario internacional”, salientou Nava Castro durante a rolda de prensa na que tamén estiveron presentes varios membros do grupo de traballo que están estes días en Galicia ao ser o lugar escollido para o lanzamento deste proxecto.

WAOH! Route conta co apoio financeiro da Unión Europea, que aporta os 375.000 euros do investimento para a súa posta en marcha e nace para fortalecer a Europa como un destino sustentable de alta calidade que é quen de crear unha identidade compartida baseada nos hábitats mariños e no amplo patrimonio subacuático do Atlántico.

Avistamento de cetáceos e kaiak

Tomando como fío condutor o turismo de mergullo, o proxecto permitirá combinalo con actividades náuticas que incluirán percorridos en kaiak polas rías galegas, avistamento de cetáceos ou mesmo actividades para descubrir patrimonio marítimo formado por galeóns, mercantes ou pesqueiros mergullados nas profundidades, cuxo coñecemento a través de actividades de turismo subacuático permitirán promover a súa conservación e protección como atractivo de turismo cultural.

Ao abeiro deste pioneiro itinerario que promove a costa atlántica do sur e norte de Europa preténdese crear unha marca común que aglutine a actual oferta de actividades turísticas vinculadas ao mergullo, deportes náuticos, enogastronomía, turismo mariñeiro e arqueoloxía marítima. Tamén servirá de aliciente para novas experiencias transnacionais que impulsen a actividade da crecente cantidade de empresas especializadas neste campo. WAOH! Route atraerá un mercado en crecemento, especialmente no eido internacional, onde se contabilizan seis millóns de mergulladores e máis de 20 millóns de afeccionados ao kaiak.

22 de febreiro de 2018 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.