Galicia érguese como a primeira comunidade autónoma en dotarse dunha folla de ruta de acción exterior

Alfonso Rueda en rolda de prensa
O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da Estratexia de acción exterior de Galicia. Un documento que ofrece un marco global e completo con toda a acción exterior da nosa Comunidade e que define obxectivos, ámbitos de actuación e establece os instrumentos necesarios para acadar estas metas.
Durante a súa intervención, Rueda destacou que esta decisión converte a Galicia na primeira Comunidade Autónoma en dotarse dunha ferramenta destas características.
Trátase dunha ambiciosa folla de ruta que contempla entre os seus obxectivos a mellora da converxencia respecto da media do conxunto da Unión Europea, tendo en conta o escenario do brexit, a defensa dos dereitos da diáspora ou o incremento da internacionalización da economía e diversificación dos mercados exteriores. Tamén o estreitamento de vínculos coa comunidade lusófona, a promoción da lingua e a cultura e o reto demográfico.
Así mesmo, o vicepresidente da Xunta destacou a busca do consenso e o carácter participativo co que contou a elaboración da estratexia, “abríronse consultas en todos os grupos con representación no Parlamento galego”, abundou. Tamén foi sometida a informe polo Consello de Acción Exterior de Galicia, que conta coa representación dos principais axentes institucionais e sociais con proxección no exterior, e polo Parlamento de Galicia no último trimestre do 2017, precisou.
Por último, incidiu en que neste documento de planificación para os vindeiros anos marcaranse como países de acción exterior prioritaria Portugal e o resto dos países da Unión Europea, tamén Latinoamérica e os países da África lusófona. E, do mesmo xeito, fixo referencia á posibilidade de cooperar, especialmente no ámbito universitario, con Oriente Próximo, Israel e a rexión Asia-Pacífico.











