publicidade hoxe

Feijóo avanza a licitación das obras da estación intermodal de Ourense que suporán un investimento de máis de 9 millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Consello da Xunta habilitou o crédito necesario para licitar as obras da estación intermodal de Ourense. Segundo Feijóo, as obras serán licitadas este mes de febreiro e iniciaranse este ano.

O máximo responsable autonómico indicou que na primeira fase de obra executarase a terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo por un investimento autonómico, xunto coas expropiacións, de algo máis de 9 millóns de euros.

No que atinxe ao aparcadoiro subterráneo, que executará o Adif en cofinanciación coa Xunta, habilitaranse 300 prazas de aparcamento que darán servizo tanto á estación de autobuses como á estación do ferrocarril e vai permitir. Este aparcadoiro subterráneo permitirá unha contorna máis confortable.

Con respecto a isto, Feijóo fixo fincapé en que a Xunta pode dar xa por finalizada as súas tramitacións, despois de facer uso da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese para sacar adiante o proxecto da estación intermodal, xa que non estaba recollido nas normas urbanísticas que están en vigor no Concello de Ourense.

Tras o remate da primeira fase, comezará a segunda, a cargo do Ministerio de Fomento, que inclúe a adaptación da estación de ferrocarril e diversas actuacións para mellorar a integración urbana, como a comunicación entre os barrios a ambos lados da vía: o da Ponte e o Vinteún.

As estacións intermodais das cidades galegas

O presidente da Xunta fixo un repaso ao estado actual das estacións intermodais das cidades galegas. Así, en relación á intermodal de Pontevedra, subliñou que se está a avanzar nos proxectos para reformar a estación de autobuses e conectala coa terminal de ferrocarril por valor de 4 millóns de euros.

No que atinxe á de Lugo, está en marcha o estudo de distintas alternativas e realizáronse xa os primeiros contactos cos responsables de Adif para avanzar nas actuacións.

En canto á da Coruña, neste momento non se coñece cal é a proposta do Concello. Había un proxecto inicial pero o goberno local finalmente mudou de opinión. Neste senso, Feijóo lamentou que a cidade herculina leve atraso neste proxecto.

Con respecto á situación de Vigo, Feijóo lembrou que o Goberno galego achegou unha solución ao problema urbanístico da cidade olívica que permite construír a estación de autobuses e o Centro Vialia grazas á Lei urbanística aprobada pola Xunta. No relativo á estación de autobuses, o presidente da Xunta indicou que a Administración autonómica achegará máis de 12 millóns de euros e agarda que, unha vez se conte cos permisos, se poida licitar canto antes.

Por último, lembrou que as obras da intermodal de Santiago de Compostela xa están licitadas e comezarán no próximo verán.

15 de febreiro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.