publicidade hoxe

Feijóo: “a lei de implantación empresarial contribuirá a fomentar un sector eólico eficiente, sustentable e competitivo”

O presidente da Xunta na visita ao parque eólico de Malpica

O presidente da Xunta na visita ao parque eólico de Malpica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a nova Lei de implantación empresarial contribuirá a fomentar un sector eólico eficiente, sustentable e competitivo. “Estamos convencidos de que esta lei abre un novo escenario para o sector e que vai supoñer un antes e un despois para todos aqueles que queiran investir en Galicia, no sector das renovables pero tamén noutros sectores puxantes da nosa economía”, asegurou.

Durante unha visita ás instalacións do parque eólico de Malpica, Feijóo explicou que no marco deste novo texto se establece, por vez primeira, unha figura para diferenciar aqueles proxectos industriais que se consideran de especial interese para a Comunidade. Proxectos que van dispoñer da máxima axilidade administrativa na tramitación, sen perder, por suposto, as máximas garantías xurídicas, técnicas e ambientais.

“O obxectivo final é que as empresas aposten por Galicia”, dixo, resaltando que no caso do eólico hai neste momento 18 parques declarados como proxectos de especial interese e 12 xa están autorizados.

Logo de precisar que a declaración de especial interese implica que se poidan executar en Galicia proxectos de enerxía renovables no marco das poxas celebradas recentemente polo Ministerio de Enerxía, Feijóo salientou que con estas 18 novas instalacións (en total 409 MW), se prevén superar os 6.000 empregos na súa construción.

Así mesmo, recordou que no marco desta lei tamén se puxo en marcha a finais de outubro o rexistro eólico galego, onde xa están contabilizados unha solicitude de execución de 1126 MW, “o que significa que a finais de 2020 Galicia superará os 4000 MW funcionando, co horizonte de chegar nos próximos 9 ou 10 anos aos 6000 MW”.

Sobre o novo parque de Malpica, o presidente da Xunta aseverou que este proxecto conxuga un triplo compromiso: co ambiente, cunha redución do número de aeroxeradores, que pasan de 69 a 7; coa industria das renovables, xa que este é o segundo parque que se repotencia en Galicia, reducíndose a infraestrutura pero non a potencia nin a eficiencia enerxética; e cos concellos de Malpica e Ponteceso, xa que, ademais dun investimento de 22 millóns de euros durante a súa execución, fixa industria e emprego.

“En definitiva, estamos a falar dun parque que manterá a décima parte dos aeroxeradores, que duplicará a súa produción de enerxía equivalente ao consumo eléctrico de 18.500 fogares, e que diminuirá nunha hectárea a superficie total ocupada”, dixo, incidindo na aposta da Xunta pola repotenciación para renovar a flota de aeroxeradores instalados en Galicia, buscando un equilibrio entre a sustentabilidade ambiental e a eficiencia da eólica galega.

“Desde Malpica acredítase que se pode facer unha enerxía eólica máis eficiente, porque produce máis enerxía con menos infraestrutura; e menos invasivo, xa que o número de aeroxeradores se reduce nun 90%”.

O titular da Xunta concluíu lembrando que as renovables achegan case o 90% da electricidade que consumen os galegos; Galicia é a segunda maior produtora de electricidade con renovables, só por detrás de Castela e León; e, ademais de supoñer o 4,3% do PIB, esta industria xera na Comunidade máis de 32.000 empregos directos e indirectos.

5 de febreiro de 2018 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.