Convócanse cinco novos permisos de explotación para marisqueo a pé nas confrarías do Pindo e Lira, en Carnota
A Consellería do Mar convoca tres novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de pescadores do Pindo e dous para a de Lira. Ademais, publica a convocatoria dunha praza para percebe a pé para O Pindo. Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e no caso do de percebe a pé tamén o que establece a orde que regula a explotación dos recursos específicos. Ademais deben presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.
Os interesados poderán consultar as convocatorias na páxina web da Consellería. Neste enlace a dos permex de Lira, neste a dos permex a pé do Pindo e neste a do percebe a pé. O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, tras a publicación desta convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.
As solicitudes e a documentación acreditativa deberán presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes para os permex de marisqueo a pé serán estudadas e baremadas, segundo recolle a Resolución do 12 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé. Por outra banda, as presentadas para o permex de percebe a pé valoraranse co baremo para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos, aprobado pola Resolución do 4 de maio de 2016 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Cabe lembrar que todas as prazas se convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.