A Xunta reforza a capacidade dos servizos de emerxencias galegos coa entrega de 150 desfibriladores
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña entregaron esta mañá un total de 157 desfibriladores destinados aos corpos de bombeiros comarcais, GES e Protección Civil, no marco da aposta continua do Goberno galego por reforzar a resposta ante posibles emerxencias que poidan ocorrer en calquera punto da nosa comunidade.
Alfonso Rueda e Jesús Vázquez Almuiña, entregaron na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, este novo equipamento aos representantes municipais e os efectivos dos distintos corpos de emerxencias, co fin de que os concellos galegos poidan contar cos mellores equipos de resposta ante unha emerxencia.
O vicepresidente da Xunta fixo fincapé na importancia da cooperación, colaboración e coordinación nun eido tan importante como son as emerxencias, que redunda directamente na seguridade e no benestar dos cidadáns galegos, polo que reiterou a necesidade de seguir sumando na aposta dunha xestión conxunta neste eido, no que é tan importante a implicación de todas as Administracións, tanto autonómica, como locais e as provinciais.
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou que Galicia foi pioneira en España no desenvolvemento de estratexias de cardioprotección, iniciada coa publicación do Decreto 251/2000 que regulaba o uso de desfibriladores por persoal non médico.
Coa aprobación do Decreto 38/2017 polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, hoxe podemos falar, -dixo Almuiña-, “de que temos un total de 2.161 desfibriladores e que certificamos ata un total de 17.750 persoas en soporte vital básico e uso de DESA, e todo iso como unha estratexia fundamental para achegar á poboación, o antes posible, os recursos máis efectivos segundo a evidencia científica”.
Ademais, Galicia tamén lidera dentro de España a formación de nenos e nenas en primeiros auxilios. Así, “dende o 061 formamos aos profesores de educación física como instrutores en soporte vital básico e DESA, e estes forman aos nenos e nenas. No primeiro ano de aplicación deste convenio conseguimos adestrar a 4.000 nenos e nenas e o obxectivo é chegar ao 100% no ano 2020”.
Segundo o conselleiro, as unidades do 061 consiguen reanimar a unha media de 700 vítimas ao ano e trasladar con vida ao hospital a un 40%.Polo tanto, remarcou o titular da carteira sanitaria, “en Galicia lideramos a implantación de desfibriladores para o seu uso pola poboación xeral, a formación sistemática cunha estratexia poboacional dos nenos e nenas en soporte vital básico e, tamén, a innovación tecnolóxica para mellorar a asistencia ás vítimas da morte súbita”.