A Xunta fai un chamametno para extremar a precaución nas estradas ante a baixada de temperaturas
A Xunta de Galicia fai un chamamento á prudencia na circulación ante as baixas temperaturas que se están a rexistrar estes días na comunidade.
Nas últimas horas, co obxectivo de garantir a seguridade nas estradas, estiveron traballando 12 equipos quitaneves e distribuíronse un total de 70 toneladas de sal e 25.000 litros de salmoira.
No que se refire á rede viaria autonómica, permanecen pechadas ao tráfico pesado as seguintes estradas: a LU-530, na Baqueriza, na Fontaneira e no Cerredo; a LU-701, entre os Pq. 0 e 6 e no Acebo; e a LU-633, nos portos do Cebreiro, San Roque e Poio.
Recoméndase circular con precaución nas estradas LU-637, no Alto Viduedo, e na LU-723, no Alto do Portelo.
Plan de Vialidade Invernal
O Goberno galego mantén activo o Plan de Vialidade Invernal, dende o 1 de novembro de 2017 ata o 30 de abril de 2018, co fin de blindar as condicións de seguridade viaria nos aproximadamente 5.550 km de estradas de titularidade autonómica.
Este plan implica a posta a disposición de diferentes medios en cada provincia que suman un total de 26 centros operativos, 27 acopios e 26 silos de fundentes, 12 plantas de salmoira, 73 máquinas con 109 accesorios e 468 profesionais.











