A Xunta establece a orde de servizos mínimos na Administración de Xustiza ante a folga do 7 de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta establece a orde pola que se determinan os servizo mínimos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida nos centros de traballo da Administración de Xustiza de Galicia a partir do mércores, 7 de febreiro.

As organizacións sindicais SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG y CC.OO., veñen de convocar folga indefinida en toda Galicia a partir do 7 de febreiro, polo que o Goberno galego, en aras de manter as garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de Xustiza e garantir a súa actividade para que a folga non cause prexuízos aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns, ditamina nesta orde os servizos mínimos.

Concretamente, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento esencial prestado pola Administración de xustiza en Galicia, que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

Mediante os RD 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de Xustiza, sendo a responsable e a que ten as competencias dentro do goberno galego a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia do Tribunal Supremo existente na materia, así como os distintos pronunciamientos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No ámbito da Administración de Xustiza deben garantirse os medios para que os actos necesarios do Rexistro Civil, as actuacións que afecten ou poidan afectar á liberdade das persoas tales como as causas con preso, as medidas precautorias, as actuacións sometidas a prazo perentoiro ou a un prazo cuxo incumprimento poida supoñer unha perda de dereitos ou un prexuízo irreparable nestes, as declaradas urxentes polas leis procesuais e as actuacións dos xulgados e fiscalías de garda e dos servizos de garda do Imelga, póidanse realizar en calquera situación, polo que se debe considerar que polo menos estas actuacións son servizos esenciais para garantir o servizo público.

Servizo esenciais

Actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas e enterramento, entre outras.

Rexistro de asuntos e documentos nos que venza un prazo preestablecido por lei e que poida deparar perda de dereitos aos cidadáns.

Todas aquelas actuacións en que venza un prazo establecido na lei, cuxo incumprimento poida supoñer unha perda de dereitos ou un prexuízo nestes, e as declaradas urxentes polas leis procesuais.

Medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, violencia sobre a muller, liberdade provisional, entre outras.

Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal.

Xuízos orais na orde penal de causas con preso.

As actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos.

Polo que para garantir a prestación destes servizo esenciais, a Xunta establece os servizos mínimos, tendo en conta o carácter indefinido da folga, a extensión territorial, as distintas dotacións de persoal segundo o órgano concreto, así como as distintas localizacións dos órganos nos edificios xudiciais segundo a localidade e a existencia de órganos especializados nalgunhas cidades. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O goberno galego mantivo esta mañá outra reunión coas organizacións sindicais para negociar a proposta de servizos mínimos que rexeitaron, abandonando a xuntanza sen ofrecer ningunha alternativa nin contraproposta ao documento presentado.

2 de febreiro de 2018 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.