A Policía Autonómica realiza 193 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 12 e o 18 de febreiro un total de 193 inspeccións de control en 17 concellos galegos. Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 44 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, A Estrada, Allariz, Ames, Brión, Cambados, Lalín, Lugo, Marín, Ourense, Pontevedra, Ribadavia, Santiago de Compostela, Toén, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 119 persoas e inspeccionadas 193 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 28 actas de infracción, das cales 10 foron por venda de alcol, 17 por consumo de alcol, e 1 por venda de tabaco.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.











