publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste 105.516 euros do Plan Único na renovación de beirarrúas no casco urbano de Cariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariñoLocal Portada
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación das obras de renovación de beirarrúas no casco urbano de Cariño, que serán financiadas a través dunha achega de 105.516 euros incluida no Plan Único (POS+ 2017).

As obras pretenden a demolición e posterior reconstrución das beirarrúas construídas nas décadas de 1970-1980 que presentan deficiencias que afectan á seguridade e cuxa estética desentona coas novas, así como na dotación de novas beirarrúas en zonas nas que actualmente non existe paso habilitado para peóns.

As actuacións levaranse a cabo nas rúas do entorno da Casa do Concello, a Praza Roxa e o centro de saúde, así como nas rúas Seixo, Río Maguleiro, Río Mera, Río Balo e Avenida da Constitución e suporán unha notable mellora a nivel urbanístico, estético e de mellora da accesibilidade.

Nos casos das rúas adxacentes á Casa do Concello e a Praza Roxa, as actuacións comprenden a completa demolición das beirarrúas existentes e a construción dunhas novas, mentres que nas demáis rúas procederase á demolición do bordillo en mal estado e a construción de novos tramos en zonas que actualmente non dispoñen de beirarrúas. No entorno do centro de saúde habilitarase tamén unha zona de aparcamento.

Na Avenida da Constitución, as obras aproveitarán a soleira existente para colocar sobre ela a nova plaqueta con morteiro de cemento. Os traballos inclúen tamén a o retranqueo da liña actual do bordillo na zona central do treito, para facilitar a instalación dunha nova zona de carga e descarga. Tamén se substituirá neste tramo a tubería de abastecemento de fibrocemento por unha nova de polietileno.

20 de febreiro de 2018 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.