A Deputación da Coruña insta á Xunta a ser dilixente ante a venda do Pazo de Meirás
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, instou hoxe á Xunta de Galicia a ser “dilixente” diante do anuncio de venda do Pazo de Meirás aparecido nun portal inmobiliario cántabro. Goretti Sanmartín esixiu “tolerancia cero” coa familia Franco e o inicio inicio do expediente sancionador por incumprir a Lei de Patrimonio cultural de Galiza.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña respondeu hoxe ao anuncio da venda do Pazo de Meirás nun portal inmobiliario cántabro por 8.000.000 millóns de euros instando á Xunta de Galicia a que “faga cumprir a Lei de Patrimonio cultural de Galiza e inicie de maneira inmediata o expediente sancionador contra a familia Franco por poñer á venda un BIC sen cumprir a obriga de comunicación ao organismo que os tutela que é a Consellaría de Cultura”. De non o facer, Goretti Sanmartín entende que “estaría a haber conivencia coa descendencia do ditador e é tempo xa de rematar coa impunidade da que gozaron durante tanto tempo”.
Goretti Sanmartín reclamou da Xunta a “máxima dilixencia e axilidade” para impedir a venda do Pazo de Meirás e sinalou que, de non ter comunicado o anuncio de venda, como onte mesmo confirmou a Consellería de Cultura, “estamos a falar dunha infracción que require unha acción inmediata por parte da Xunta”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña referiuse en concreto ao artigo 49 que recolle que “a transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellaría competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela”. A lei contempla que a Xunta disporá dun prazo de tres meses para exercer o dereito de tanteo para si ou outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro, para o que ten preferencia. No apartado sancionador, a lei recolle como infracción o incumprimento do deber de comunicación.
Lembrou tamén que o vindeiro 1 de marzo a Deputación da Coruña fará públicos o informe histórico e o xurídico que abre “vías legais para que o pazo pase a ser un ben público”. A presentación realizarase despois da xuntanza do grupo promotor da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, composto xa por máis de trinta concellos, ademais doutras entidades, que ten como un dos seus principais obxectivos que o inmóbel pase ao inmóbel público.











