A Consellería do Mar recolleu 4.000 toneladas de aceites usados nos peiraos autonómicos nos últimos catro anos
Portos de Galicia recolleu durante os últimos catro anos, preto de 4.000 toneladas de aceites residuais a través do programa Marpol de recollida de hidrocarburos usados nos peiraos de titularidade autonómica. O presidente do ente público fixo esta mañá balance deste servizo a través do cal recupéranse e recíclanse os aceites residuais que se verten nos portos para a súa reutilización.
Seguindo a evolución anual, en 2014 recolléronse 900 toneladas; en 2015, 1.000; en 2016, 1.100 toneladas; e en 2017, 800. Dende Portos de Galicia atribúese o éxito da medida á colaboración e concienciación do sector profesional, ao que o ente público agradece a súa participación nesta iniciativa para a mellora colectiva.
Por provincias, a máis activa dentro deste programa é a da Coruña, con 2.200 toneladas recicladas no período referido. A continuación sitúase a de Lugo, con 900 toneladas; e, finalmente, Pontevedra, con 700. A este respecto cómpre explicar que a maior cantidade de aceites recollidos proceden de sentinas, polo que derivan dos buques de maior envergadura En concreto, os peiraos nos que se recuperaron maiores cantidades foron A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Burela, nos que operan buques de maior tonelaxe. Por provincias, en Lugo, o porto de Celeiro-Viveiro segue ao de Burela e en Pontevedra, destacan Tragove (Cambados) e Portonovo (Sanxenxo).
Dende o ano 2012, Portos de Galicia ten renovado o servizo de recollida e tratamento de hidrocarburos, aceites usados e residuais, co que dá cumprimento ao convenio internacional Marpol, para o tratamento axeitado destes residuos. O servizo implica por unha banda a recollida directa nos buques dos produtos e por outra a instalación de contedores para recollida e almacenaxe temporal nos portos, baleirado dos mesmos, transporte á planta autorizada e preferentemente reciclaxe e valorización dos medios. Cando isto último non é posible procédese á súa eliminación. Este servizo reforza a prevención ambiental, ao tempo que se melloran as condicións dos usuarios do porto no uso das instalacións.
Ademais dos residuos líquidos, realízase tamén a recollida e tratamento do material relacionado, como filtros, envases, trapos, roupa, aparellos ou neumáticos. Finalmente, a empresa adxudicataria do servizo é tamén a encargada de realizar, a requirimento de Portos de Galicia, a limpeza da lámina de auga dos portos nos casos de vertidos de produtos contaminantes, calquera que sexa a causa. Así, no caso de que se produza algún tipo de vertido, a empresa adxudicataria do contrato estará en disposición de prestar os servizos ininterrompidamente durante as 24 horas do día e os sete días da semana, incluíndo os días laborais e días festivos.
No último exercicio, Portos de Galicia investiu unha partida de 85.000 euros na creación de novos puntos limpos, así como na renovación e instalación de novos contedores. De cara a este ano, o ente público ten xa reservado un investimento de igual contía para ir dando resposta ás necesidades que xorden neste ámbito.











