publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 80.000 euros en melloras portuarias para a Mariña lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal PortadaLugoRibadeoXove
A-
A+
Juan José Durán na visita ás oficinas portuarias de Burela

Juan José Durán na visita ás oficinas portuarias de Burela

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten previsto o investimento de máis de 80.000 euros en diversas obras de reforzo da seguridade nos portos da comarca da Mariña Lucense. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás oficinas portuarias de Burela, un dos peiraos beneficiarios destas actuacións.

Durán Hermida indicou que Portos de Galicia iniciará nas vindeiras semanas obras de mellora da seguridade, tanto viaria como para a frota nos portos de Burela, Morás e Ribadeo. Estas actuacións enmárcanse nas tarefas de conservación e mantemento das instalacións que leva a cabo o ente público de xeito periódico.

En concreto, no porto de Burela, instalaranse 3 novas defensas de tipo V300, en resposta á solicitude trasladada neste sentido para garantir a seguridade do Barco Museo que o Concello ten atracado no porto. Esta actuación considérase necesaria para a protección estrutural do buque.

En canto ao porto de Morás, ampliarase o tamaño dos brazos de amarre do pantalán pesqueiro. Deste xeito, substituiranse os actuais brazos de 5 e 6 metros de lonxitude por outros de 8 metros lineais. Estas obras resultan prioritarias para garantir a seguridade das embarcacións alí atracadas.

Finalmente, no porto de Ribadeo, procederase á reposición do firme no viario de acceso ao peirao de Mirasol cunha capa de mestura quente. Esta zona de pavimento rexistra tráfico intenso a diario, especialmente de vehículos pesados.

19 de febreiro de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.