A Consellería de Medio Rural consensúa coas agrupacións apícolas a orde de axudas para este sector, cun orzamento de 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Belén do Campo na reunión con representantes das agrupacións apícolas

Belén do Campo na reunión con representantes das agrupacións apícolas

A Consellería do Medio Rural achegará este ano 603.000 euros á orde de axudas á apicultura de 2018. Así llelo avanzou hoxe a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos representantes de diferentes asociacións e agrupacións sectoriais, cos que mantivo un encontro en San Caetano. Con este tipo de xuntanzas de traballo, Medio Rural quere consensuar os principais contidos desta convocatoria de subvencións cos axentes do ámbito apícola de Galicia, co fin de optimizar os recursos públicos postos a disposición do sector.

O borrador da orde deste ano, ademais de incrementar o orzamento das axudas, introduce diferentes novidades que buscan mellorar a xestión destes fondos. Entre elas salienta a modificación dos criterios obxectivos de outorgamento das subvencións, puntuando aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza do solicitante á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ou o seu rexistro no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Estas axudas financian actuacións como a asistencia técnica aos apicultores por parte das agrupacións, mediante a contratación de técnicos e especialistas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos seus produtos. Tamén serven para favorecer a sanidade apícola, para a organización de cursos e xornadas de formación e para a elaboración de material de divulgación, como folletos, catálogos ou soportes audiovisuais e informáticos.

Así mesmo, con estas achegas fináncianse actuacións de loita fronte ás agresións e enfermidades das colmeas como a varroase, tanto mediante a adquisición de tratamentos contra esta enfermidade como a través da sobrealimentación das colmeas ou a renovación e purificación de ceras e adquisición de fondos sanitarios.

21 de febreiro de 2018 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.