Xunta e Fegamp avanzan para facer este mesmo ano a primeira convocatoria centralizada para a Policía Local na Agasp
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García asisitiron hoxe á inauguración da xornada formativa sobre a centralizacións das probas selectivas na Academia Galega de Seguridade Pública, xunto aos directores de Emerxencias e Administración Local, Luis Menor e Marta Fernández-Tapias, respectivamente, onde se explicará polo miúdo as implicacións do decreto recentemente aprobado, e onde se resolverán todas as dúbidas dos representantes das entidades locais galegas.
O decreto aprobado polo Goberno galego regula a cooperación entre Xunta e concellos para facilitar a selección, tanto dos membros dos máis de 2.500 homes e mulleres do corpo da Policía Local, como dos vixiantes municipais e dos auxiliares, centralizando a organización dos cursos selectivos de formación e capacitación na Academia Galega de Seguridade Pública, estando previsto que neste ano se celebre o primeiro proceso unitario para o ingreso na categoría de policía local e tamén para a cobertura das prazas de auxiliares de policía local e de vixiantes municipais.
Trátase dun paso máis dentro da aposta da Xunta pola colaboración entre administracións e a suma de esforzos para ser máis eficientes e garantir o mantemento da calidade na prestación de servizos públicos aos galegos. Así, os concellos poderán asinar voluntariamente o convenio cun prazo de duración de catro anos para solicitar a cooperación da Xunta, polo cal se determina, por parte do Goberno galego, a asunción da convocatoria das prazas vacantes, a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de Policía local, e a organización dos correspondentes cursos selectivos de formación ou de capacitación.
Os concellos comunicarán o número, denominación e características das prazas que se terán que convocar para o seu corpo de Policía local, incluídas, as de auxiliares de policía local, ou dos postos de vixiantes municipais, especificando a escala e categoría á que pertenzan, o grupo de titulación que corresponda, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, así como o sistema de acceso aplicable.