Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Santiago selan o compromiso de comarcalizar o parque de bombeiros da capital galega
A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago selaron hoxe o seu compromiso para comarcalizar o parque de bombeiros da capital de Galicia. Así o referendaron nunha comparecencia conxunta tras o seu encontro o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
Os tres dirixentes certificaron a súa vontade política de avanzar neste proceso que, afirmaron, nunca estivo tan preto de facerse realidade. Ademais, destacaron o bo clima da reunión e a colaboración entre administracións pese a estar lideradas por tres formacións políticas diferentes.
A partir de agora, ábrese un proceso de negociacións técnicas e tamén de conversas cos concellos do contorno da capital beneficiados pola medida. A intención é que haxa un acordo definitivo ao longo deste mesmo ano.
A comarcalización do parque de bombeiros de Santiago prestaría servizo a case 200.000 persoas. Oito concellos recibirían atención directa (Santiago, Ames, Boqueixón, O Pino, Oroso, Teo, Trazo, Vedra) e, nunha primeira estimación, outros tres terían servizo de xeito complementario (Brión, Padrón e Rois), aínda que terán que ser os traballos técnicos os que definan o modelo ao detalle.
Paralelamente, A Xunta continuará co proceso de comarcalización e de conversas con alcaldes das grandes cidades. Tras Santiago seguirán A Coruña, Ourense e Lugo (Ferrol xa se atopa comarcalizado).