publicidade hoxe

Sométese a información pública o proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-403 en Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para a mellora de seguridade na estrada PO-403, en Ponteareas. O prazo para presentación de informes e alegacións abranguerá dende mañá ata o vindeiro día 13 de marzo. 

Trátase dun proxecto que define actuacións puntuais para suprimir un treito de concentración de accidentes situado na travesía de Angoares, no Concello de Ponteareas. Esta iniciativa está enmarcada na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas mediante a execución de 40 actuacións en 90 km, cun investimento de 12,3 millóns de euros.

As actuacións previstas desenvolveranse no tramo comprendido entre o p.q. 8+600, despois do enlace coa A-52, e 10+200, ao final da travesía de Angoares, preto de Ponteareas.

O proxecto recolle a mellora da intersección existente no p.q. 8+860, xa que non conta actualmente con carril central para os xiros á esquerda nin con cuñas, existe un paso de peóns e unha parada de bus. Proxéctase a execución dunha semiglorieta para o cambio de sentido, con carril central de espera e cuñas de aceleración e desaceleración, que permitirá canalizar neste cruce os xiros que actualmente se permiten noutros puntos mais inseguros.

Tamén se sinalizarán as paradas de autobús fóra da plataforma da estrada, de xeito que os autobuses non interrompan a circulación; e executarase pola marxe dereita da estrada un pequeno tramo de senda dende a marquesiña ata o paso de peóns, que será desprazado lixeiramente en sentido Ponteareas, e pola dereita na fronte dos negocios existentes, ata conectar coa parada de bus desa marxe.

Reforzarase a sinalización no paso de peóns cunha sinal luminosa e coa colocación de bandas transversais de alerta tras o enlace coa autovía coa finalidade de que os vehículos perciban de xeito máis claro a perigosidade do treito e moderen a velocidade.

No marco destas obras, tamén se construirá unha glorieta no p.q. 9+380, co obxectivo de calmar o tráfico neste punto, próximo á curva do p.q. 9+510, na que se teñen rexistrado a maior parte dos accidentes do TCA. Como actuación complementaria, darase continuidade do itinerario peonil pola marxe esquerda da estrada ata a glorieta, dado que a beirarrúa existente se atopa interrompida entre o p.q 9+230 e 9+300 pola proximidade dun cerramento á estrada.

Tamén se mellorará a intersección existente no p.q. 9+320, levando a cabo a execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central mediante o que se permitirá a incorporación á estrada autonómica desde as vías secundarias, mellorando por tanto de xeito importante a seguridade respecto da situación actual.

30 de xaneiro de 2018 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.