Rey Varela sinala a mellora dos indicadores que miden o benestar e protección social das familias galegas
O conselleiro José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe en sede parlamentaria que a mellora dos indicadores de benestar, calidade de vida e protección experimentada nos últimos anos en Galicia “obedece ao decidido impulso ás políticas sociais por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo”. Un reforzamento da área social que se evidencia en feitos como a propia creación da Consellería de Política Social a finais de 2015, a cada vez maior peso económico da mesma nos orzamentos xerais ou os datos que os informes de organismos tanto estatais como autonómicos reflicten ao respecto do benestar nos fogares, a atención á dependencia ou o desenvolvemento dos servizos sociais.
Así, Rey Varela salientou que o primeiro orzamento da nova Consellería, o correspondente coa anualidade de 2016, supuxo xa un incremento do 12,6% con respecto ao exercicio anterior; e que desde esas contas ata as aprobadas para o presente ano os recursos destinados a política social continuaron a medrar ata superar na actualidade os 700 millóns de euros –un 9% máis que o presuposto de 2017 e un 25% que no ano 2015, ano de creación da Consellería de Política Social. “Nin sequera nos peores momentos da crise con orzamentos restritivos Galicia descoidou o seu sistema de benestar e nos últimos anos procuramos que a mellora das contas públicas e o crecemento económico se traslade aos fogares de todos os galegos e galegas”, manifestou
O conselleiro explicou que esta maior marxe orzamentaria está a permitir fortalecer o sistema de protección social en todos os seus ámbitos. En concreto, no que atinxe á dependencia, destacou que segundo o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Galicia atende hoxe a 55.370 persoas, o que supón que nun ano o sistema sumou a máis de 6.200 novos beneficiarios e alcanza unha ratio de cobertura do 82,36% -sete puntos por riba da media nacional-. Ao respecto, lembrou que no 2015 Galicia ocupaba o posto décimo terceiro na listaxe de CCAA en canto a atención a persoas con dereito a prestación, e agora, tres anos despois, está situada no quinto lugar, por diante de Estremadura, Andalucía, Cataluña, País Vasco ou Aragón, entre outras. E, ao fío, indicou que o obxectivo “é chegar este mesmo ano ás 60.000 persoas dependentes atendidas cumprindo en soamente dous anos unha meta que nos tiñamos proposta para o conxunto da lexislatura”.
Outro dous indicadores que miden o sistema de benestar galego aos que se referiu o titular de Política Social foron o da situación económica dos fogares e os niveis de carencia material severa que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE). Ao respecto, apuntou que no 2016 –último ano analizado polo IGE- o ingreso medio dos fogares medrou un 4% e, ademais, diminúe un punto a porcentaxe de persoas que viven con carencia material severa situándose por debaixo do 5% do total da poboación -1,7 puntos por debaixo da media estatal-.
Asemade, Rey Varela analizou os datos que a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais en España recolle no chamado Informe DEC 2017, que en base a indicadores que na súa maior parte se corresponden co ano 2015- trata de medir o grao de desenvolvemento dos servizos sociais no territorio nacional. Deste informe, o conselleiro subliñou o feito de que a valoración total de Galicia medre con respecto a anos anteriores e se sitúe por riba de comunidades como Madrid, Murcia, Canarias ou Valencia; así como a elevada puntuación recibida tanto na ordenación do sistema –debido ao desenvolvemento da Lei de Servizos Sociais, entre outros factores que indica o devandito estudo-, como na cobertura, en especial das estruturas básicas de servizos sociais de ámbito local –o que obedece a aposta da Xunta polo reforzamento dos servizos sociomunitarios dos concellos a través do Plan Concertado-.
O responsable da área social do Goberno galego rematou a súa intervención indicando que “aínda que hoxe os galegos e galegas contan cun sistema de protección e servizos sociais moito máis desenvolvido e forte que hai nove anos, o conxunto de administracións e as entidades sociais debemos seguir traballando de maneira coordinada para que a nosa comunidade teña as mellores políticas sociais”. Nesta liña, apuntou que este ano 2018 será clave na consolidación da evolución positiva do sistema de benestar en Galicia coa mellora da Renda de Inclusión, a extensión dos recursos de atención a maiores e persoas dependentes e a ampliación das axudas ás familias.