Publícanse as axudas a programas de entidades de iniciativa social para mulleres en situación de especial vulnerabilidade
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas integrais de atención dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O orzamento para este ano ascende a máis de 1,5 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
Estes programas teñen como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal.
Terán consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración.
Os programas a financiar serán de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.
As actuacións que se deberán desenvolver no marco destes programas inclúen servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.
As entidades de iniciativa social que concorran á convocatoria deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 26 de febreiro.
Á hora de valorar as solicitudes, a comisión terá en conta, entre outros criterios, o grao de especialización do proxecto; a experiencia previa da entidade; a duración do proxecto; o lugar onde se desenvolverá; ou o seu carácter innovador.