publicidade hoxe

Os servizos de urxencias hospitalarias do Sergas atenderon un total de 72.470 urxencias do 25 de decembro de 2017 ao 17 de xaneiro deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O número de pacientes atendidos nos servizos de urxencias do Sergas desde o 25 de decembro de 2017 ata o 17 de xaneiro de 2018, coincidindo co cumio da onda gripal, foi de 72.470, cun promedio diario de 3.020 urxencias, mentres que a porcentaxe de urxencias ingresadas nese mesmo período foi de 17,67%. Neste contexto, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, non se pode falar de “colapsos” nas urxencias hospitalarias, senón de repunte da actividade. Todos os pacientes recibiron a atención sanitaria pertinente, priorizando a mesma en base aos sistemas de triaxe dos centros hospitalarios do Sergas.

O conselleiro sinalou que os datos das urxencias hospitalarias son semellantes aos rexistrados todos os anos, “incluso houbo algún repunte en anos anteriores como é o caso de 2015, onde a porcentaxe de urxencias ingresadas foi de 19,52%, 1,85 puntos porcentuais máis que no período analizado”, subliñou. Vázquez Almuiña daba así resposta hoxe a unha interpelación no Parlamento sobre a actividade nos servizos de urxencias e na que quixo agradecer a todos os profesionais sanitarios o seu traballo e eficacia.

O titular de Sanidade indicou que para facer fronte ao aumento da demanda asistencial no período comprendido entre o 25 de decembro de 2017 ata o 17 de xaneiro deste ano aplicáronse os plans de continxencia de cada unha das Xerencias de Xestión Integrada (EOXI), reforzando camas e persoal. En total habilitáronse 415 camas en todos os hospitais do Sergas. Nos servizos de urxencias realizáronse 1.246 reforzos (cunha media de reforzos de 78 profesionais/día), dos que 115 corresponden a persoal sanitario facultativo; 916 a persoal sanitario non facultativo e 215 reforzos a persoal non sanitario.

En hospitalización realizáronse nese mesmo período un total de 1.895 reforzos (cunha media diaria de 118 profesionais), dos que 221 foron persoal sanitario facultativo, 1.519 persoal sanitario non facultativo e 155 persoal non sanitario.

Vázquez Almuiña recalcou que aínda que é posible planificar a demanda pola onda de gripe, aos servizos de urxencias dos hospitais tamén acoden pacientes con outras patoloxías non respiratorias, polo que a entrada nestes servizos está sempre suxeita a cambios e circunstancias non previstas, “o que engadido á discontinuidade característica da demanda urxente, pode provocar momentos punta de demanda”, explicou.

Alta resolución en Atención Primaria e PAC

O conselleiro de Sanidade destacou o importante papel que desenvolve a Atención Primaria, tanto nas consultas dos centros de saúde como nos puntos de atención continuada (PAC). O promedio diario de urxencias atendidas neste dispositivos sanitarios no ano 2017 foi de 4.242 urxencias, cunha porcentaxe de resolución do 91,25%, “é dicir, que do total de urxencias vistas nos PAC tan só un 8,75% dos casos son derivadas ao hospital”, subliñou Vázquez Almuiña.

No tocante ao número de urxencias atendidas no período comprendido entre o 25 de decembro de 2017 e o 17 de xaneiro deste ano nos centros de saúde de Atención Primaria e nos PAC este foi de 127.990, cunha media diaria de 5.333 urxencias e unha porcentaxe de resolución continua do 93%.

Campaña de vacinación e onda gripal

Vázquez Almuiña lembrou que nesta campaña de vacinación, que finalizou o pasado 29 de decembro, se vacinaron un total de 537.453 persoas, 25.428 máis que na campaña anterior, dos que 385.074 tiñan 65 anos ou máis. Respecto aos profesionais, vacináronse un 18% máis que o ano pasado, superando a cifra dos 11.000.

24 de xaneiro de 2018 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.