publicidade hoxe

Os Gardacostas comisan 200 quilos de peixe e marisco e 172 útiles de pesca en controis realizados na Illa de Arousa e na ría de Pontevedra

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron preto de 200 quilos de marisco 172 útiles de pesca en controis realizados onte na Illa de Arousa e na ría de Pontevedra.

A maioría do produto comisouse no control realizado na Illa de Arousa, no porto de San Xulián, onde os axentes requisaron 167 quilos de marisco e 17 útiles de pesca. Os gardacostas requisaron os aparellos, que estaban fondeados no porto, e o marisco que contiñan, debido a que todo estaba sen identificar.

Case todo o marisco comisado nesta actuación, 125 quilos, era centola e tamén requisaron 18 quilos de nécora. A maioría desta especie estaba ovada e ademais está en veda. A maiores, neste control tamén comisaron 12 quilos de camarón e 12 quilos de ameixa. Todas estas especies estaban no interior dos útiles incautados, unha gaiola, 12 sacos e catro capachos.

Por outra banda, noutros controis realizados na ría de Pontevedra, os axentes incautaron 155 nasas que estaban sen identificar e o peixe e marisco que contiñan, 16 quilos de polbo de talla antirregulamentaria, e 1,5 quilos de peixe variado.

Estas actuacións enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa diariamente o Servizo de Gardacostas para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros e marisqueiros.

31 de xaneiro de 2018 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.