O Sergas saca a licitación a contratación centralizada do servizo de realización de probas de laboratorio externo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos pola que se anuncia a licitación para a contratación do servizo de realización de probas de laboratorio externo para os centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, por procedemento aberto, tramitación ordinaria e anticipado de gasto. O orzamento desta actuación é de 2.082.522,52 euros (sen IVE) e un prazo de execución de 28 meses como máximo desde a súa formalización, con posibilidade de prórroga.

A presente licitación permitirá homoxeneizar o servizo en todas as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) e fixar prezos únicos para os distintos tipos de probas. Todas as probas inclúense nun único lote coa finalidade de conxugar unha maior eficiencia técnica e un maior beneficio para o doente.

Con esta actuación, o Servizo Galego de Saúde busca conseguir que o 80% das probas a realizar polos laboratorios externos se fagan mediante este contrato, o que contribúe a acadar os obxectivos de maior volume de compra cumprindo cos principios reitores establecidos na lei de contratos do sector público.

As empresas interesadas deberán presentar as ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións rematará o vindeiros 26 de febreiro.

Na páxina do Sergas https://www.sergas.es/ os interesados poden obter información relativa a esta convocatoria. Nesta mesma páxina, no apartado do perfil do contratante, publicarase a data e a hora de celebración da mesa de apertura pública de sobres.

30 de xaneiro de 2018 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.