O IES Francisco Asorey e o CEIP do Carballal fanse cos primeiros premios do certame Vindevídeos
A Consellería de Cultura e Educación fixo pública esta mañá a resolución do certame de curtas sobre a lírica medieval galega Vindevídeos, convocado polas súas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura co gallo da estadía do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia (Vigo).
Na categoría de centros de infantil e primaria fíxose co primeiro premio o CEIP O Carballal, de Marín (Pontevedra), polo seu traballo “Fals’e traedor” e obtivo o segundo premio o CEIP Ortigueira, de Vedra (A Coruña), polo vídeo “Galicia: referente da cultura medieval”.
Na categoría de educación secundaria, ensinanzas especiais de grao medio, ensinanzas de adultos destes niveis académicos e ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra de Galicia outorgóuselle o primeiro premio ao IES Francisco Asorey, de Cambados (Pontevedra), por “Cantigueando”. O segundo premio recaeu no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, de Ferrol (A Coruña), pola proposta “O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel”.
Nos próximos días poderán verse no Portal da Lingua Galega e na web de Cultura de Galicia os traballos gañadores.
Ampla participación e calidade
O certame Vindevídeos, convocado polas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura no marco da programación conmemorativa que a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha co gallo da estadía en Galicia do Pergamiño Vindel, premiou vídeos realizados en centros educativos sostidos con fondos públicos e relacionados coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.
Presentáronse un total de 58 traballos -28 de infantil e primaria e 30 na categoría do resto de centros educativos-, o que levou o xurado a destacar e agradecer a ampla participación, así como a boa calidade da totalidade das propostas.
A exposición do Museo do Mar
A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo promoven a mostra “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”, que trae a Galicia dende a Morgan Library de Nova York esta xoia da lírica medieval galego-portuguesa. Na exposición, que se poderá visitar ata o mes de marzo no Museo do Mar de Galicia (Vigo), o Pergamiño Vindel dialoga con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.
Os premios do certame Vindevídeos entregaranse ao longo do mes de febreiro no Museo do Mar de Galicia, co fin de que os galardoados -a quen se lles entregará unha reprodución facsimilar do Pergamiño Vindel- poidan visitar a exposición.