O Goberno galego reduce os trámites e os prazos para as autorizacións de cortas en terreos sen protección especial
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a redución dos trámites e prazos para as autorizacións de cortas en terreos sen protección especial, garantindo o máximo respecto ambiental.
Durante a súa intervención, Feijóo destacou como primeira novidade a creación dunha xanela única, accesible a través de internet, ante a que se presentarán todas as solicitudes de cortas, independentemente das afeccións de dominio público que impliquen.
Antes, se a tala podía afectar áreas suxeitas á regulación de augas, estradas, costas ou patrimonio cultural; ou zonas ou especies protexidas como patrimonio natural, o propietario das árbores debía realizar os trámites ante cada organismo competente. Agora, estes trámites pasará a centralizalos a Consellería do Medio Rural, polo que o interesado só deberá contactar con ela.
O titular da Xunta precisou que esta iniciativa suporá a redución do tempo de tramitación que, se ben podía tardar ata seis meses -segundo o organismo implicado-, agora pasa a dous meses como máximo para emitir os informes. Pero ademais, con esta medida reducirase o número de visitas á Administración, xa que a xanela única será accesible desde calquera dispositivo con acceso a internet.
Así mesmo, o titular do monte verá reducidas as taxas ao ter que facer un só pagamento ante a Xunta, cando antes tiña que facer un abono ante cada unha das institucións competentes.
Como segunda novidade, o presidente da Xunta subliñou que naqueles terreos ou para aquelas especies que non estean suxeitas a unha protección especial, substitúense as autorizacións e comunicacións previas, que podían tardar entre 7 e 15 días, por unha declaración responsable do titular. Neste documento, explicou, o propietario declara que o terreo é seu e, polo tanto, asume a responsabilidade sobre el.
A este respecto, engadiu que esta medida será aplicable especialmente naqueles terreos con especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos ou acacias.
Para levar á práctica esta iniciativa -incluída dentro da proposta do acordo forestal presentada no Parlamento en novembro-, elaborarase unha nova plataforma tecnolóxica, a través da cal funcionará esta xanela única, co obxectivo de que estea operativa no primeiro semestre do ano.