publicidade hoxe

O goberno galego inicia as reunións con concellos e deputacións para avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia iniciará este luns as reunións para avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades. Á cita co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudirán o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e o presidente da federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García.

O inicio das conversas é a consecuencia do acordo do grupo de traballo pola xestión das emerxencias, que no mes de decembro decidiu apostar pola comarcalización dos parques das grandes cidades como unha das vías para mellorar os tempos de resposta. Ese acordo foi refrendado pola Fegamp e tres das catro deputacións provinciais, todas agás a Deputación de Pontevedra.

A comarcalización dos parques de bombeiros é o sistema máis rápido e eficaz para mellorar a xestión das emerxencias nos concellos achegados ás grandes cidades, ademais de constituír o modelo máis eficiente para racionalizar os recursos xa existentes.

A reunión co presidente da Deputación da Coruña e co alcalde de Santiago suporá o punto de partida dun proceso que se estenderá ao resto de deputacións e cidades galegas. Tras Santiago seguirán A Coruña, Ourense e Lugo (Ferrol xa se atopa comarcalizado).

O obxectivo da Xunta é trasladarlle tamén todo o abordado a Pontevedra e Vigo, aínda que depende da Deputación Provincial, que é a que ten a competencia en emerxencias para concellos de menos de 20.000 habitantes e quen participa nos consorcios ao 50%.

24 de xaneiro de 2018 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.