O goberno galego destina 4,5 millóns de euros ás axudas para apoiar actividades non agrícolas no medio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), destina un total de 4,5 millóns de euros durante os anos 2018 e 2019 ás axudas para apoiar proxectos de investimento en actividades non agrícolas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente orde coas bases e a convocatoria destas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O obxectivo destas subvencións é apoiar a adquisición de maquinaria e equipamento novos, así como a execución das obras necesarias para a súa instalación, co fin de ampliar ou modernizar unha actividade empresarial existente. Poden beneficiarse as persoas físicas suxeitas ao réxime especial de traballadores autónomos, pequenas empresas e titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que pretendan diversificar as súas tarefas cara a actividades non agrarias na propia explotación.

Serán subvencionables os proxectos destinados a ampliar ou modernizar pequenas empresas que desenvolvan actividades non agrarias no seguintes sectores e ámbitos de actividade: industrias, talleres e locais destinados a producir bens e materiais, así como a prestación de servizos en calquera sector económico (con exclusión de empresas de maquinaria agrícola e forestal e empresas de prestación de servizos enerxéticos). Tamén, todo o relacionado coa prestación de servizos sociais, actividades recreativas, de ocio e deportivas, artesanais, actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico, actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, veterinaria e comercio polo miúdo de produtos non agrarios.

Requisitos

Entre os requisitos que deben cumprir os proxectos atópanse os de non estar iniciados no momento de presentar a solicitude de axuda e ter un orzamento comprendido entre os 10.000 e os 300.000 euros, agás no sector da artesanía, no que estes límites sitúanse entre os 5.000 e os 100.000 euros. Ademais, o investimento proxectado debe mellorar o rendemento global da empresa.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, a contar desde mañá martes, día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. A presentación das solicitudes realizarase de forma telemática, a través dunha aplicación informática accesible desde a páxina web de Agader (agader.xunta.gal) e desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

29 de xaneiro de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.