publicidade hoxe

O Goberno central comprométese a 3 anos de bonificación fiscal para os patrocinadores do Xacobeo 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na reunión co ministro de Hacienda

O presidente da Xunta na reunión co ministro de Hacienda

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso do Goberno central de tres anos de bonificación fiscal para os patrocinadores do Xacobeo 2021, estendéndoa así aos anos 2019, 2020 e 2021 –noutros anos xacobeos foron dous anos a bonificación fiscal para patrocinio-. Unha decisión que, tal e como asegurou, contribuirá a converter o vindeiro ano santo nunha oportunidade histórica que, ademais de reforzar o Camiño de Santiago, actuará como un dinamizador fundamental no ámbito cultural e económico.

Outros dos asuntos abordados na reunión co ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, foi o modelo de financiamento autonómico. E, nesta liña, o presidente da Xunta entregou ao ministro de Facenda o documento elaborado pola comisión de expertos creada a raíz da conferencia de presidentes autonómicos o pasado mes de xuño; e insistiu en que este asunto, ao igual que a reforma constitucional, debe decidirse non con base nos intereses dun ou de 17 territorios, senón con base nos intereses dos 47 millóns de españois, porque son as persoas e non os territorios os que financian o Estado e posúen a soberanía nacional.

O responsable do Goberno galego fixo fincapé na necesidade de revisar o sistema pensando nos servizos que se prestan ás persoas e no seu custo, apostando por un sistema de financiamento baseado na multilateralidade, que teña en conta de xeito adecuado variables como a dispersión ou o avellentamento, e o peso da sanidade como unha peza separada.

Feijóo trasladou ao ministro a necesidade de que as diferenzas no endebedamento entre as comunidades non sexan un elemento definitorio para a asignación do financiamento. “Os galegos non comprenderiamos que, despois dos importantes esforzos que fixemos para garantir a estabilidade orzamentaria nos anos da crise, o novo sistema premiase a aquelas que incumpriron”, recalcou.

Cristóbal Montoro e o titular da Xunta constataron os avances no programa construtivo das fragatas F110, que se desenvolverá nas instalacións de Navantia Ferrol, reforzando a posición do estaleiro, que suma nos últimos anos proxectos por máis de 1.300 millóns de euros, grazas aos pedidos militares e á súa volta á construción civil, así como á diversificación da súa actividade en eidos como a eólica mariña.

Logo de resaltar que este proxecto garantirá carga de traballo ata a segunda metade da década de 2020 –con 1.300 empregos directos e 2.000 empregos vinculados á industria auxiliar-, Feijóo fixo fincapé en que, ao mesmo tempo, Navantia está tomando posición nos retos tecnolóxicos aos que se enfronta o sector naval coa súa participación na unidade mixta de investigación na procura do estaleiro 4.0, que está a desenvolver en colaboración coa universidade e a Xunta.

16 de xaneiro de 2018 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.