O conselleiro de Sanidade defende que as contratacións de persoal medraron 6% desde o traslado as novas instalacións do CHUOU
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou hoxe que coa apertura do novo edificio de hospitalización en outubro pasado, o Chuou gañou en funcionalidade e integración. O complexo hospitalario tamén aumentou a súa capacidade asistencial e a confortabilidade, “eliminando definitivamente as habitacións triples, pasando todas elas a dobres e individuais, ata chegar a unha capacidade máxima das 900 camas”.
Ademais, desde o traslado ás novas instalacións, o número de persoal e contratacións aumentaron case un 6%, ampliándose o persoal vinculado ao novo centro nas diferentes categorías de persoal sanitario e non sanitario.
Para dar resposta ao incremento de ingresos e ao aumento da demanda asistencial que se veñen rexistrando nas últimas semanas o Hospital Universitario de Ourense aplicou as medidas previstas no Plan de Continxencia, reforzando camas e persoal. Neste senso mantén abertas tres das plantas do Materno Infantil, desocupadas co traslado, o que supón 123 camas, e 105 profesionais contratados máis para atender a súa ocupación actual.
Incremento dos ingresos urxentes
Os servizos sanitarios públicos de Ourense veñen rexistrando desde finais de decembro un alto volume de atencións urxentes, motivadas en parte polo aumento da circulación de infeccións respiratorias. Neste período os servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense e, especialmente, o Punto de Atención Continuada da cidade, atenderon máis de 10.000 urxencias. Este último concretamente rexistrou días de máis de 300 pacientes (como o 24 de decembro, 1, 6 e 7 de xaneiro). Mentres que nas urxencias do hospital houbo un aumento moderado das atencións, por riba da súa media anual de 190 urxencias por día, rexistrando picos de 267 pacientes como o 28 de decembro, e cunha alta porcentaxe de urxencias complexas que requieren hospitalización.