publicidade hoxe

O 112 Galicia atendeu unhas 645 chamadas diarias ao longo de 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Balance anual do servizo 112

Balance anual do servizo 112

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, 112 Galicia atendeu unha media de 645 chamadas diarias ao longo de 2017. En concreto, ao peche do exercicio, estas comunicacións sumaron un total de 1.014.103 con picos altos concentrados nos meses de verán (xuño, xullo e agosto) coincidindo coa época do ano na que se recibiu o maior número de visitantes na Comunidade galega.

Estes son algúns dos datos que se extraen do balance anual da actividade do servizo galego de atención e xestión das emerxencias e que hoxe presentaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, no transcurso dunha rolda de prensa que tivo lugar no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

Así, segundo a información recompilada durante o 2017, o director xeral sinalou que unha de cada catro chamadas recibidas derivaron nunha situación de emerxencia, isto é, comportaron a mobilización de medios e recursos de intervención.

Tamén sinalar que se mantén a tendencia á baixa das chamadas denominadas maliciosas, de modo que, durante o pasado exercicio, situáronse arredor do 6 por cento, igual que en 2016. Con todo, o director xeral de Emerxencias e Interior reiterou a importancia de seguir concienciando á poboación sobre a necesidade de facer un uso responsable do servizo de emerxencias e recordou que este tipo de chamadas reciben un tratamento específico que permite reducir o fluxo e diferenciar entre falsas alarmas intencionadas, reincidentes e menores.

Un 7 por cento máis de incidencias xestionadas

Sobre o número de incidencias xestionadas, Luís Menor indicou que, en 2017, o 112 Galicia fixo fronte a un 7 por cento de emerxencias máis que en 2016, polo que consolídase a liña ascendente rexistrada nos últimos anos con respecto ao número de emerxencias xestionadas e confirma o uso cada vez máis responsable do servizo.

Concretamente, foron 237.973 as incidencias xestionadas no pasado exercicio, que implicaron a mobilización de recursos – profesionais sanitarios, axentes de seguridade, bombeiros, grupos de intervención e voluntarios de protección civil e persoal de limpeza e mantemento de estradas- en preto de 380.000 ocasións.

Cómpre sinalar que o maior número destas intervencións –preto do 30 por cento- estivo relacionado coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, mentres que o 28 por cento se referiu á asistencia sanitaria. Tamén destacan as incidencias vinculadas á recollida de animais mortos, abandonados ou soltos, así como á formación de enxames abellas e avespas ou pragas, como a da velutina, que supuxeron o 20 por cento do total de incidencias xestionadas polo 112 Galicia en 2017.

Do mesmo xeito, sobresaen as emerxencias nas que se requiriron as forzas de seguridade (13 por cento) seguidas dos accidentes de tráfico (8 por cento).

O 112 na Estrada

En resumo, un total de 237.973 incidencias e 1.014.103 chamadas, das cales máis do 70 por cento xa foron atendidas e xestionadas desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia estreado no pasado mes de abril no concello pontevedrés da Estrada. Un complexo de máis de 4.600 metros cadrados, que multiplica nun 125% a capacidade de resposta ao cidadán e que está en funcionamento dende o pasado 19 de abril.

Mantense o grao de satisfacción

Ademais, segundo as consultas realizadas aos usuarios do 112 Galicia, consolídase o alto grao de satisfacción co servizo prestado polo novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. Así, o 94% das persoas enquisadas nestes últimos meses consideran que a súa chamada ao 112 Galicia foi rápida e o trato recibido polo persoal da central resultou cordial e dilixente. Tamén cualifican o servizo de emerxencias como útil e preciso (o 99 por cento dos consultados). A cualificación obtida no balance deste primeiro semestre do ano é a mesma que a acadada no informe anual do ano 2016.

Os datos para a elaboración da enquisa recóllense polo departamento de Calidade do CIAE 112 Galicia, a través dun cuestionario que mensualmente se formula a unha mostra de persoas que contactaron co número de atención de emerxencias.

Mellora da prevención

Por outra banda, a Axencia Galega de Emerxencias ten entre os seus obxectivos previr e anticiparse aos riscos potencias. Para iso, a AXEGA, a través do 112 Galicia, é parte activa de moitos dos simulacros de emerxencias que se realizan en Galicia. Así, durante o 2017, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou 187 simulacros. A maior parte dos exercicios realizáronse en centros educativos, co obxectivo de pór a proba o funcionamento dos seus plans de autoprotección.

Por provincias, na da Coruña contabilizáronse 115 simulacros, mentres que na de Pontevedra 43. En Lugo e Ourense, xestionáronse 17 e 12, respectivamente.

23 de xaneiro de 2018 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.