Medio Rural destina 300.000 euros ás axudas para programas de calidade dos consellos reguladores agroalimentarios
A Consellería do Medio Rural mantén o orzamento de 300.000 euros en axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominación de calidade agroalimentarias para a convocatoria de 2018, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas teñen por obxecto mellorar e controlar a calidade e a orixe dos produtos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade ou acollidos á produción ecolóxica.
As actividades subvencionables serán as actuacións encamiñadas a este fin; así como a realización de estudos, investigacións e desenvolvemento de programas. Por outra banda, tamén poderán recibir apoio os gastos derivados da adquisición de bens de equipo e materiais, de consultaría externa e os orixinados pola realización de análises de laboratorio relacionados coa certificación do produto. O prazo de solicitudes para esta convocatoria é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.
Os interesados en solicitar estas axudas poden consultar os requisitos e a documentación que deben presentar no Diario Oficial de Galicia de hoxe. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.