publicidade hoxe

Medio Rural celebra a inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCangasLocal PortadaMarínMoañaPoioPontevedraPontevedraPortada dereitaRedondelaVilaboa
A-
A+

A Consellería do Medio Rural congratúlase pola publicación, hoxe, no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), da protección da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo”, tal e como estaba previsto e como lle adiantou días atrás a propia conselleira aos representantes deste selo de calidade, nunha xuntanza de traballo en Santiago. O regulamento que ampara esta IXP entrará en vigor dentro de 20 días e para entón Ribeiras do Morrazo contará xa con esa protección no ámbito europeo, a todos os efectos.

A Consellería quere agradecer todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto, dando así por finalizado un proceso que comezaba no ano 2014 e lembra que o pasado mes de marzo Medio Rural activou a protección nacional transitoria, que fixo posible que os viños da colleita do 2017 puideran contar xa coa etiqueta da IXP.

Ademais, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destaca que a posta en marcha desta nova indicación supón unha oportunidade para a modernización e o crecemento do sector elaborador, xa que o mercado do viño céntrase cada vez máis nos produtos de calidade certificados.

Esta indicación aplícase aos viños dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, todos eles na provincia de Pontevedra. Son viños brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

Superficie e variedades

A superficie potencialmente produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo estímase que estaría entre 1.000 e 1.500 hectáreas, sendo a variedade de uva máis representativa a albariño. Para a elaboración destes viños tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Nesta zona hai 25.414 viticultores, que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo, segundo o Rexistro vitícola de Galicia. Estes datos indican que se trata dun territorio cunha viticultura minifundista onde boa parte da produción é para autoconsumo. Con respecto ás instalacións de elaboración, actualmente hai sete adegas nesta área xeográfica.

10 de xaneiro de 2018 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.