publicidade hoxe

Medio Ambiente comeza os traballos para eliminar 14 puntos de vertedura incontrolado en Maceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMacedaOurensePortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou hoxe os traballos para eliminar 14 puntos de vertido incontrolado no concello de Maceda (Ourense) por un custo estimado de case 50.000 euros. Esta actuación medioambiental forma parte dunha campaña do Goberno galego para identificar e erradicar este tipo de focos, nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza co conseguinte prexuízo que ocasiona para o entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético.

O material que se adoita a localizar nestes puntos consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

No concello de Maceda, os 14 puntos identificados localízanse nos lugares de Cabalos, Piúca, Tapada da Botica, Alto do Santo, Cerámicas, Volta Grande, Raposeiras, Lagoas, Foncuberta, Vixueses, O Mato, Sarreaus e Medo. Neste último lugar actuarase concretamente sobre 2 PVI. O custo total estimado dos traballos para erradicar estes 14 puntos é de 46.894,72 euros.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, así como na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. Coa limpeza destes puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nestas zonas, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminando o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

18 de xaneiro de 2018 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.