publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca o investimento de 220.000 euros nunha nova senda peonil e ciclista entre Amoedo e Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de BorbénPontevedra
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, supervisou hoxe as obras da nova senda peonil e ciclista entre Amoedo e Pazos de Borbén, na estrada PO-250, coa que os veciños poderán realizar os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo e seguro.

O Goberno galego iniciou estes traballos, cun investimento de 220.000 euros, no último trimestre do ano pasado nun treito de 820 metros de estrada que carecía de beirarrúas e que era moi transitado por numerosos peóns que se vían na obriga de circular polo beiravía ou polos carrís de circulación.

A Xunta executou un novo itinerario peonil e ciclista na PO-250, que servirá para conectar o fin do núcleo de Amoedo, onde se atopa a zona empresarial, co inicio do núcleo de Pazos, preto xa da Casa do Concello.

Vázquez Mourelle explicou que coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo entre estes dous núcleos urbanos de Amoedo e Pazos de máis de 2 quilómetros, xa que estas dúas poboacións contaban anteriormente con algúns treitos de beirarrúas.

O itinerario será de uso mixto, para peóns e ciclistas non deportivos, e contará cun ancho de 2,5 metros. A maior parte da actuación transcorre nunha zona interurbana que contará ademais cunha zona verde de 0,50 metros, bordo de 0,22 metros e gabia de seguridade de formigón de 1,20 m. Nos treitos de zona urbana, continuarase tamén coa senda mixta de 2,5 metros.

A Xunta aproveitou os traballos para repoñer unha pista forestal afectada polo desmonte da nova senda ademais de deixar instalado – baixo o itinerario- o colector para augas residuais e para o futuro alumeado público, respondendo así a unha solicitude do Concello.

Plan de sendas

Por outra parte, a conselleira lembrou que o seu departamento está a impulsar outras actuacións nesta área para incrementar a seguridade viaria. Precisou que se está a desenvolver o Plan de Sendas de Galicia que, para a comarca de Vigo, prevé a execución de 11 novos itinerarios peonís e ciclistas ao longo de máis de 12 km que supoñen un investimento próximo aos 5 millóns de euros.

Ethel Vázquez sinalou que contando con esta a piques de rematar, xa son 2 as sendas que están finalizadas na comarca de Vigo (a outra é a PO-325 en Nigrán), mentres que nas vindeiras semanas remataranse outras 2 na PO-552 (en Baiona) e na PO-331 (Mos).

Outra senda atópase en execución na PO-552 (Coruxo-Roteas e Priegue-Nigrán) e 2 máis comezarán as súas obras nas vindeiras semanas. O resto, tan só dúas para completar o plan de sendas de Galicia nesta comarca, atópanse en proxecto.

A responsable de Infraestruturas subliñou a aposta da Xunta por sendas sustentables, seguras e integradas na paisaxe nesta comarca de Vigo, así como por investimentos que fomentan unha mobilidade máis respectuosa co medio, que facilitan os desprazamentos cotiáns dos veciños e que incrementan a súa seguridade viaria.

22 de xaneiro de 2018 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.