publicidade hoxe

Establécense os grupos de traballo do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica para avanzar no reto poboacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
José Manuel Rey Varela na segunda sesión do CES. Foto: X. Crespo

José Manuel Rey Varela na segunda sesión do CES. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá na sede do Consello Económico e Social de Galicia (CES) a segunda sesión do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito da nosa comunidade.

Neste encontro constituíronse cinco grupos de traballo en materia de apoio ás familias, xuventude, envellecemento, emigración/inmigración e medio rural. Así mesmo procedeuse ao nomeamento da vicepresidencia, un cargo de carácter rotatorio, que recaeu na Universidade de Santiago de Compostela representada por Maria José Rodríguez Galdo

O Observatorio conta, entre súas funcións, as de recompilar, analizar e intercambiar información relevante desde o punto de vista demográfico; definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia; realizar e divulgar os estudos e traballos que resulten de interese dende o punto de vista demográfico; promover a produción de material documental de interese; identificar as iniciativas en materia de dinamización demográfica, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como no do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas; e formular propostas e recomendacións para ser consideradas na configuración das liñas estratéxicas da acción pública de Galicia. Tamén promoverá foros de discusión e debate; elaborará un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia e fomentará calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa dinamización demográfica. Neste sentido, no transcurso da asemblea, avanzouse no establecemento dun cronograma para presentar as primeiras valoracións das medidas que se levarán a cabo nos vindeiros meses, co obxectivo de realizar un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas. Estes informes serán realizados polos grupos de traballo a través de procedementos participativos e presentaranse no seguinte pleno que se celebrará a finais do primeiro semestre deste ano.

Galicia ten marcada a súa liña de traballo a nivel autonómico, nacional e internacional que veu desenvolvendo a través do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020; da Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia, horizonte 2020; da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, ou do Plan Estratéxico Rexional Galicia 2015-2020, que contempla a recuperación demográfica como un principio transversal a todos os eixes de actuación do goberno autonómico. Galicia está presente en diferentes foros tanto a nivel estatal como europeo. Nomeadamente, o Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD) xunto con Castela A Mancha, Castela León, Estremadura, Asturias, Aragón, Cantabria e La Rioja, traballamos para que a demografía conte para Europa; da Rede europea de rexións afectadas polo cambio demográfico (DCRN), ou no Pacto sobre Cambio Demográfico, promovido pola rede temática AFE-INNOVET. Tamén nas reunións do Grupo de Traballo sobre O cambio demográfico e o envellecemento creado no marco da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo, RESOE. Ademais da nosa Comunidade, integran este grupo de traballo, representantes da Rexión Norte e a Rexión Centro de Portugal, así como das comunidades autónomas de Castela León e Cantabria e do Principado de Asturias.

No transcurso da sesión, o titular das políticas sociais, agradeceu aos integrantes a súa contribución a este foro plural e participativo que entende que a cuestión demográfica debe formularse como un “Pacto de Estado”, alonxada de posicións ideolóxicas e cun alcance temporal ilimitado.

15 de xaneiro de 2018 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.