‘Escenas do Cambio’ arranca en Santiago con 13 espectáculos de cinco países
A programación do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción ‘Escenas do Cambio’ bota a andar este xoves, día 1, no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, coa aclamada versión de Tiago Rodrigues de ‘Antonio e Cleopatra’, de Shakespeare. Esta peza do director do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa —e unha das grandes voces do teatro europeo— abrirá unha programación que permitirá gozar ata o 10 de febreiro, en Santiago de Compostela, de 13 espectáculos procedentes de cinco países (España, Portugal, Siria, Francia e Italia), que levan a vangarda e a disidencia como sinal de identidade.
‘Escenas do Cambio’ supón a aterraxe en Galicia, tras percorrer teatros de todo o mundo, da versión minimalista, pero igual de brutal, que Tiago Rodrigues fai da coñecida historia de amor tráxica entre Marco Antonio e Cleopatra, que maxistralmente relatou Shakespeare. A partir desta representación, o festival partilla por diferentes escenarios da capital de Galicia —a Cidade da Cultura, Salón Teatro, Teatro Principal, CGAC e Sala Magán— as últimas creacións de grandes nomes do panorama nacional e internacional como Maria Arnal & Marcel Bagés, Edurne Rubio, Mursego, Miguel Pereira, Mithak Alzaghair, Israel Galván ou Mohamed El Khatib.
No entanto, esta cuarta edición que comeza seguirá prestando especial atención as propostas das artes escénicas galegas. Así, conta no seu programa con pezas de Estela Lloves e Félix Fernández, creadores transdisciplinares que nos últimos anos amosaron o seu traballo máis no estranxeiro que en Galicia. Ademais, repiten compañías como IlMaquinario —cuns obradoiros sobre teatro bibliográfico— e Voadora. Precisamente, a participación desta última en ‘Escenas do Cambio’ suporá a estrea en España de ‘Garage’, unha obra participativa que o sábado, día 3, subirá ao escenario do Salón Teatro non só un coche real, senón a traballadoras da PSA Citroën en Vigo.
Estas mulleres darán a coñecer a súa experiencia nun mundo laboral tan convencionalmente masculino como é a industria do motor, tal e como fixeron traballadoras francesas da mesma fábrica cando, en colaboración de MA Scène Nationale – Pays de Montbéliard, Voadora montou e estreou esta obra en Francia o pasado mes de setembro.
Entradas esgotadas para Israel Galván
A da compañía galega non é a única estrea en España que se verá en ‘Escenas do Cambio’. Con ‘Una tirada de dados’, o festival dá a oportunidade de fascinarse co zapateado e baile único de Israel Galván nun escenario especial como é Biblioteca de Galicia na que o ‘bailaor’ demostrará que tamén se pode bailar un libro. Esta proposta a tres bandas xunto Pedro G. Romero e Filipe Tacq ten as entradas esgotadas desde a pasada semana.
‘Escenas do Cambio’ tamén traerá por primeira vez a Galicia a emblemática obra de Xavier Le Roy, ‘Self Unfinished’, peza fundamental da danza moderna, chea de intelixencia pero tamén de humor e que permitirá gozar o día 9, no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, dunha das obras máis valoradas da danza mundial actual.
Máis aló do Gaiás
Ademais das instalacións da Cidade da Cultura, a programación de ‘Escenas do Cambio’ continúa a liña aberta na anterior edición e volve estenderse máis alá do Gaiás. Así, o Teatro Principal de Santiago transformarase literalmente, o día 8, nunha caverna co espectáculo ‘Light years away’, da burgalesa afincada en Bruxelas Edurne Rubio. O público sentirase espeleólogo por un día, nunha viaxe á cova da memoria familiar da autora, e tamén de España.
A Sala Agustín Magán, do Centro Sociocultural de Santa Marta, acollerá a peza dun dos coreógrafos de referencia da nova danza portuguesa Miguel Pereira; mentres que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será escenario do concerto de Maite Arroitajauregui (Eibar, Eukadi), máis coñecida como ‘Mursego’. A presenza en ‘Escenas do Cambio’ desta voz única e multinstrumentista confirma a aposta do festival por rescatar artistas fóra dos circuítos comerciais e que se resisten a deixarse atrapar polo sistema cultural imperante.
A guerra de Siria e a música de Maria Arnal e Marcel Bagés para pechar o festival
Nesta mesma liña tamén se inscriben obras como a de ‘Finir en Beauté’, do marroquí afincado en Francia Mohamed ‘El Kathib’, unha peza sobre perdas persoais (a morte da nai), á vez que sobre a historia colonial francesa e o diálogo entre culturas; e ‘Displacement’, de Mithkal Alzghair sobre os efectos devastadores da guerra en Siria.
A música será a encargada de pór o peche, o 10 de febreiro, no Museo Centro Gaiás, á edición deste ano de ‘Escenas do Cambio’. Maria Arnal e Marcel Bagés traen á Cidade da Cultura o seu último traballo ’45 cerebros y 1 corazón’ cun directo con novos matices electrónicos pero no que se lle dá continuidade a cadea de transmisión da cultura popular, que ten marcado o seu persoal estilo.
Toda a información polo miúdo dos 13 espectáculos, ao igual que a posibilidade adquirir as entradas, a través de www.escenasdocambio.org
Rede Internacional de colaboradores
A edición de 2018 de ‘Escenas do Cambio’ continúa afianzando a súa rede internacional de colaboradores, colaborando con entidades que van desde o ámbito local ao internacional. Así, neste ano colaboran o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música ( INAEM), o Institut Français, o Instituto Camões da Cooperação e da Lingua ou o Istituto Italiano di Cultura di Madrid. Desde Galicia, colaboran tamén no festival a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Concello de Santiago de Compostela.